Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Miguel Fernández subliña a importancia do ornato público no modelo de cidade coincidindo coa primavera

Miguel Fernández subliña a importancia do ornato público no modelo de cidade coincidindo coa primavera

O alcalde comprobou en distintos espazos verdes o resultado visible das actuacións realizadas nos últimos meses.

A campaña permitiu a plantación de máis de 55.000 unidades de especies ornamentais en toda a cidade.

“Cuidar o ornato público e a biodiversidade dos espazos urbanos tamén é avanzar nun modelo de cidade máis amable e con maior calidade de vida”, destacou Miguel Fernández.

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Medio ambiente,
    • Urbanismo
Luns, 13 de abril de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández subliña a importancia do ornato público no modelo de cidade coincidindo coa primavera

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, visitou diferentes espazos verdes da cidade para comprobar o resultado das actuacións de plantación e renovación vexetal impulsadas polo Concello, que comezan a ser plenamente visibles coa chegada da primavera. A floración de distintas especies está a transformar a imaxe de parques, prazas e xardíns, reforzando o atractivo e o coidado do entorno urbano.

Miguel Fernández subliñou que “cuidar o ornato público e a biodiversidade dos espazos urbanos tamén é avanzar nun modelo de cidade máis amable e con maior calidade de vida”, destacando que estas intervencións “forman parte dunha estratexia global para consolidar Lugo como unha cidade máis sostible, coidada e pensada para as persoas”.

A campaña, desenvolvida pola área de Transición Ecolóxica, incluíu a plantación de máis de 55.000 unidades de especies ornamentais, entre planta de tempada e bulbos florais, distribuídas en distintos puntos do municipio. En concreto, plantáronse arredor de 16.800 bulbos —principalmente tulipas, narcisos e xacintos— que nestas semanas acadan o seu momento de maior esplendor, facendo especialmente visible o resultado das actuacións nos espazos públicos da cidade.

O investimento total da actuación superou os 53.900 euros, incluíndo o subministro, transporte e plantación, o que permitiu reforzar de maneira significativa o ornato público coincidindo cun momento clave do ano como é a primavera.

Estas actuacións enmárcanse na liña de traballo do Goberno local orientada á mellora continua dos espazos públicos, co obxectivo de avanzar cara a unha cidade máis sostible, atractiva e con maior benestar para a veciñanza.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre o ornato público da primavera | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/miguel-fernandez-sublina-importancia-do-ornato-publico-no-modelo-de-cidade-coincidindo-coa

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/041326_audio_miguel_fernandez_sublina_a_importancia_do_ornato_publico_no_modelo_de_cidade_coincidindo_coa_primavera.mp3