Miguel Fernández reúnese con representantes veciñais do Castiñeiro para escoitar as necesidades do barrio
A xuntanza celebrouse na Casa do Concello e serviu para abordar propostas de mellora relacionadas coa mobilidade, os espazos públicos e os servizos.
“Manter un contacto directo cos barrios é fundamental para planificar un Lugo que atenda ás verdadeiras necesidades da súa xente”, destacou o alcalde.
- Tema
- Alcaldía,
- Axenda institucional,
- Servizos sociais,
- Infraestruturas,
- Urbanismo

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, reuniuse este martes na Casa do Concello con representantes da asociación de veciños do Castiñeiro para coñecer de primeira man as principais demandas da veciñanza e estudar posibles actuacións de mellora no barrio.
Durante o encontro, que se desenvolveu nun ambiente cordial e de colaboración, os representantes veciñais puxeron enriba da mesa cuestións relacionadas co mantemento do espazo público, a accesibilidade, a seguridade viaria ou a mellora dalgúns equipamentos existentes.
“Manter un contacto directo cos barrios é fundamental para planificar un Lugo que atenda ás verdadeiras necesidades da súa xente”, afirmou Miguel Fernández, quen agradeceu á asociación o seu compromiso co ben común e o traballo constante para mellorar a calidade de vida da contorna.
O rexedor comprometeuse a estudar con detalle as propostas achegadas coa intención de incluílas na planificación municipal e darlles resposta progresivamente, segundo as posibilidades técnicas e orzamentarias.
