Miguel Fernández participa no día da San Xiao e reivindica a mellora das comunicacións como reto compartido para Ferrol e Lugo
O alcalde de Lugo visitou a cidade departamental na xornada do seu patrón, para tomar parte nos actos de entrega de insignias de ouro e de Ferrolá do Ano.
O rexedor puxo en valor os dous centros históricos, como “ferramentas esenciais para crear urbes máis abertas e sostibles, pero tamén dinámicas e cheas de oportunidades”.
O alcalde de Ferrol sinalou que “ambos territorios, con gran potencial, están chamados a recuperar o norte de Galicia” e destacou os “lazos irmáns que manteñen ambas urbes”.
- Tema
- Alcaldía,
- Axenda institucional,
- Cultura e Turismo

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, participou esta mañá nos actos do Día de San Xiao, Patrón de Ferrol, nunha xornada chea de significado, que simboliza por unha banda a unión como cidades irmandadas desde hai máis de 25 anos e os retos comúns de ambas urbes, con desafíos compartidos. Neste sentido, o rexedor lucense reivindicou a mellora das comunicacións como un dos obxectivos comúns para Lugo e Ferrol, ao igual que o alcalde desta última, José Manuel Rey Varela, quen sinalou que ambos territorios con gran potencial están chamados a recuperar o norte de Galicia.
A xornada de celebración do Día de San Xiao comezou coa recepción á corporación lucense no Concello de Ferrol, onde o alcalde de Lugo estivo acompañado por varios concelleiros e concelleiras, entre eles o edil de Urbanismo, Deportes e Xuventude, Jorge Bustos; o concelleiro de Movementos Migratorias, Waldir Sinisterra; e a concelleira María Reigosa. No consistorio ferrolá todos eles tiveron a posibilidade de saudar as cinco persoas que este ano foron distinguidas coas insignias de ouro da cidade e co título de Ferrolá do Ano, que nesta ocasión foi para a historiadora e investigadora, Esperanza Piñeiro de Miguel.
Unha vez celebrada a eucaristía, presidida polo bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, na Concatedral de San Xiao, os actos trasladáronse ao Teatro Jofre, onde tivo lugar a entrega de insignias e do título de Ferrolá do Ano e as intervencións dos dous rexedores. Miguel Fernández amosou a súa satisfacción por participar por primeira vez como alcalde nestes actos e por devolver a visita que a corporación ferrolá fixo a Lugo nas festas de San Froilán. Ademais destacou os lazos que unen a ambas urbes, irmandadas desde hai máis de 25 anos, nun vínculo que “cada vez é maior e máis forte, posto que Ferrol e Lugo seguen a compartir retos e obxectivos, e por riba de todo, moita ilusión por mellorar e continuar o seu avance cara ao progreso”, explicou o alcalde lucense.
A xuízo de Miguel Fernández, os galardóns outorgados este ano en Ferrol, “poñen en valor a investigación, a docencia, a historia e as artes como contribución ao patrimonio cultural de Ferrol; precisamente, ese respecto pola nosa historia e por todo aquelo que forma parte importante do noso patrimonio, é algo que une a ambos territorios. E máis aló do coidado polo noso pasado, Ferrol e Lugo estamos unidos polos desafíos para avanzar no desenvolvemento do Norte de Galicia”. Neste sentido, o alcalde de Lugo subliñou que “é innegable que compartimos obxectivos como a mellora das nosas comunicacións, porque é imprescindible que o transporte por ferrocarril en ambas urbes avance para ter dunha vez por todas un tren do século XXI”.
Ademais desa mellora nas comunicacións, “temos en común outras metas como acadar o crecemento sostible das nosas cidades, a continua posta en valor dos nosos centros históricos e o reto demográfico”, explicou Miguel Fernández.
Por último, o rexedor lucense chamou a atención sobre a gran oportunidade que supoñen para ambas urbes os seus centros históricos, “entendidos como ferramentas esenciais para a posta en marcha de iniciativas novidosas coas que dinamizar o noso tecido económico, favorecendo a creación de empresas e o desenvolvemento dos sectores produtivos”.
En referencia ao modelo de cidade, Miguel Fernández falou “dun Lugo cun centro histórico que é parte esencial da trama urbanística, primando a peonalización, gañando espazos para os cidadáns, coa próxima entrada en funcionamento da zona de baixas emisións e cunha zona vella que está a ser motor de cambio para Lugo, e agardo que tamén o sexa para Ferrol”.
Neste sentido, o alcalde lucense desexou sorte a Ferrol de cara á candidatura Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración, coa que conseguir a declaración de Patrimonio Mundial da UNESCO.
Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, amosou a súa satisfacción polo “reforzo dos lazos irmáns que Ferrol mantén con Lugo, dous territorios con gran potencial que están chamados a recuperar o norte de Galicia”, afirmou. “Únenos o talento, a tradición, os éxitos, o presente e o futuro que nos agarda, porque estou seguro de que este irmandamento é o mellor símbolo para que sigamos traballando e soñando xuntos”, engadiu.
Así mesmo, Rey Varela destacou que “nos atopamos ante un novo tempo para Ferrol”, lembrando os principais fitos conseguidos en 2025, como a consolidación do crecemento demográfico da cidade departamental coa segunda subida consecutiva despois de catro décadas de perda poboacional. Así mesmo, puxo en valor abrir Ferrol ao mar, que permitiu comezar o derrubamento da muralla entre a cidade e o Arsenal militar, dando así resposta a unha demanda cidadá tamén de décadas.
Audio
- O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre o Día de San Xiao - Patrón de Ferrol | Descargar mp3 [1]
