Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Miguel Fernández logra o apoio unánime do Padroado do Pazo de Feiras para que o complexo opte á sede da Axencia Estatal de Saúde Pública

Miguel Fernández logra o apoio unánime do Padroado do Pazo de Feiras para que o complexo opte á sede da Axencia Estatal de Saúde Pública

Este acordo total, sumado ao respaldo institucional procurado polo Concello, permite construír unha candidatura sólida, rigorosa e compartida por todas as administracións e axentes do territorio.

O Pazo de Feiras e Congresos proponse como unha sede plenamente operativa, con espazos dispoñibles de maneira inmediata e capacidade para acoller un organismo estatal de primeiro nivel.

Miguel Fernández: “Quero agradecer o compromiso e o apoio unánime do Patronato, porque cando Lugo suma institucións e tecido social, compite con forza para acoller proxectos estratéxicos”.

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Sanidade,
    • Urbanismo
Martes, 13 de xaneiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández logra o apoio unánime do Padroado do Pazo de Feiras para que o complexo opte á sede da Axencia Estatal de Saúde Pública

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, conseguiu esta mañá o respaldo unánime do Padroado da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo para propoñer o Pazo de Feiras e Congresos como sede dentro da candidatura oficial da cidade para acoller a Axencia Estatal de Saúde Pública (AESAP), que será presentada polo Concello de Lugo en tempo e forma, conforme ao procedemento establecido polo Goberno do Estado.

Este apoio supón un avance decisivo na construción dunha candidatura solvente e ben armada, reforzando o liderado do Concello de Lugo nun proceso que esixe consenso institucional, solvencia técnica e capacidade de posta en marcha inmediata. O Patronato da Fundación Feiras e Exposicións está integrado por representantes da Xunta de Galicia, da Deputación Provincial de Lugo, do Concello de Lugo e da Confederación de Empresarios, o que lle confire a este acordo un alto valor político e institucional e o converte nunha expresión clara de unidade arredor dun proxecto estratéxico para a cidade, a provincia e Galicia.

“Conseguir a sede da Axencia Estatal de Saúde Pública sería unha oportunidade histórica para Lugo, tanto pola creación de emprego cualificado como pola atracción de talento e o posicionamento da cidade como referente en saúde pública, investigación e innovación”, sinalou Miguel Fernández, quen advertiu tamén de que “somos plenamente conscientes de que se trata dun proceso moi competitivo, no que concorren cidades con moito peso, polo que será complicado, pero Lugo vai competir con seriedade, con rigor técnico e coa forza que dá o apoio unánime das súas institucións”.

O alcalde quixo agradecer expresamente o apoio de todos e cada un dos membros do Patronato da Fundación Feiras e Exposicións, destacando a importancia política e estratéxica de que todas as institucións e os axentes sociais sumen esforzos nesta candidatura. “Este é un proxecto que só ten sentido se é compartido. Cando Lugo vai da man das súas institucións, do tecido económico e da sociedade, compite con máis forza e con argumentos sólidos para acoller proxectos estratéxicos de país”, concluíu Fernández.

A proposta contempla que a sede da Axencia Estatal de Saúde Pública se localice nun espazo exclusivo de máis de 2.000 metros cadrados dentro do Pazo de Feiras e Congresos, ao que se sumarían zonas comúns e servizos complementarios como salas de reunións, o auditorio, o hall principal, espazos de traballo compartidos e unha ampla zona de aparcadoiro.

Esta implantación permitiría, ademais, acadar un dobre obxectivo: por unha banda, dar uso estable a unha área do recinto que na actualidade se atopa infrautilizada e, pola outra, proxectar a influencia e centralidade do Pazo de Feiras, dinamizando o seu funcionamento diario e reforzando o seu papel como equipamento estratéxico de referencia para a cidade, xa que o recinto reúne condicións óptimas en termos de dimensión, funcionalidade, accesibilidade e localización estratéxica, con dispoñibilidade inmediata para albergar un organismo estatal destas características.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre a Axencia Estatal de Saúde Pública | Descargar [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/miguel-fernandez-logra-o-apoio-unanime-do-padroado-do-pazo-de-feiras-para-que-o-complexo-opte

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/130126_axenciaestataldesaudepublica_miguelfernandez.mp3