Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Miguel Fernández destaca o modelo de Norvento como “exemplo do Lugo sostible, innovador e con talento que queremos seguir impulsando”

Miguel Fernández destaca o modelo de Norvento como “exemplo do Lugo sostible, innovador e con talento que queremos seguir impulsando”

O rexedor e o concelleiro de Urbanismo visitaron a sede da empresa no polígono das Gándaras e reuníronse co presidente da compañía, Pablo Fernández Castro.

“É un orgullo contar con empresas como esta, que apostan por Lugo, que xeran futuro, emprego e prestixio para a nosa cidade”, destacou o alcalde.

A empresa lucense vén de presentar TECHnPower, a súa nova marca tecnolóxica, e avanza no proxecto da fábrica neFO, que recibiu unha subvención de 27,5 millóns da UE.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Infraestruturas,
    • Medio ambiente,
    • Novas tecnoloxías,
    • Urbanismo
Venres, 06 de xuño de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández destaca o modelo de Norvento como “exemplo do Lugo sostible, innovador e con talento que queremos seguir impulsando”

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, acompañado polo concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, visitou este venres o Centro de Innovación de Norvento Enerxía (CIne) situado no polígono das Gándaras, onde foi recibido polo presidente, Pablo Fernández Castro, e a directora de Sostibilidade e Marca da compañía, Mariluz Lozano Cerezo. Durante o encontro, percorreron as instalacións da sede da empresa enerxética e tecnolóxica, coñecendo de primeira man o seu funcionamento, así como os últimos proxectos en marcha.

A visita coincidiu coa presentación de TECHnPower, a nova marca coa que Norvento impulsa a súa división tecnolóxica e coa que dá o salto á xeración de proxectos de enerxía renovable a grande escala. Esta nova liña de actividade abre unha nova etapa para a compañía, ata o de agora centrada principalmente en solucións para o sector comercial, industrial e o autoconsumo.

O alcalde destacou o valor estratéxico desta aposta: “Norvento é un exemplo do modelo que queremos para Lugo: unha empresa innovadora, sostible, con visión de futuro e comprometida co territorio”. Fernández puxo tamén en valor a creación de emprego cualificado, sinalando que “a compañía conta cun equipo humano de máis de 300 profesionais de alta cualificación e perfís multidisciplinares, e iso repercute directamente na economía e no talento local”.

TECHnPower está intimamente vencellada ao proxecto neFO, a pioneira fábrica autosuficiente e neutra en emisións que Norvento está a construír tamén en Lugo, e para a que a Comisión Europea lle concedeu unha subvención de 27,5 millóns de euros, recoñecendo o seu carácter transformador e estratéxico.

Durante a visita, o rexedor e o concelleiro coñeceron tamén o funcionamento da microrrede que abastece enerxeticamente o edificio CIne, completamente independente da rede eléctrica. Esta infraestrutura permitiu que as instalacións de Norvento continuasen funcionando con total normalidade durante o recente apagón que afectou á Península Ibérica, “o que pon de manifesto a eficacia dun modelo baseado na autosuficiencia e na produción renovable no punto de consumo”, apuntou o rexedor.

Miguel Fernández quixo amosar o apoio institucional do Concello a Norvento, destacando que a empresa tamén participa no fondo Lugo Transforma para o impulso económico e empresarial da cidade. “É un orgullo contar con empresas como esta, que apostan por Lugo, que xeran futuro, emprego e prestixio para a nosa cidade. Desde o goberno local seguiremos sendo aliados neste camiño común cara a un Lugo máis verde, competitivo e con oportunidades”.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/miguel-fernandez-destaca-o-modelo-de-norvento-como-exemplo-do-lugo-sostible-innovador-e-con