Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Miguel Fernández destaca o éxito dun San Froilán que reafirma o seu papel como a gran festa do outono galego e símbolo de identidade lucense

Miguel Fernández destaca o éxito dun San Froilán que reafirma o seu papel como a gran festa do outono galego e símbolo de identidade lucense

O alcalde subliña a alta participación cidadá e o bo desenvolvemento das máis de 300 actividades culturais, sociais e musicais que encheron de vida as rúas da cidade durante dez días

Fernández puxo en valor a coordinación dos servizos municipais, a seguridade e a limpeza, e definiu o San Froilán como “o corazón de Lugo e o mellor escaparate do que somos e queremos seguir sendo”.

O rexedor asegurou que as patronais lucenses “renovan cada ano o orgullo de ser lucenses e a nosa identidade como pobo e como galegos”.

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Axenda institucional,
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Xestión cultural
Luns, 13 de outubro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández destaca o éxito dun San Froilán que reafirma o seu papel como a gran festa do outono galego e símbolo de identidade lucense

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, fixo un balance moi positivo do San Froilán 2025, unhas festas que cualificou como “extraordinarias, tanto pola participación da veciñanza como pola resposta impecable dos servizos municipais e pola acollida dos milleiros de visitantes que fixeron de Lugo o epicentro cultural e festivo de Galicia neste outono”.

O rexedor subliñou que “o San Froilán volveu demostrar que é moito máis ca unha cita no calendario: é un encontro co orgullo de ser lucenses, coa nosa lingua, coa nosa cultura e coa nosa maneira de vivir”. Engadiu que “a convivencia, a seguridade e a limpeza foron unha constante durante todo o programa, grazas ao traballo coordinado dos corpos de seguridade, de Protección Civil, dos servizos de limpeza e do conxunto do persoal municipal”.

Miguel Fernández destacou especialmente que “o San Froilán é o corazón de Lugo e o mellor escaparate do que somos e queremos seguir sendo. Un espazo de encontro, de convivencia e de cultura popular que cada ano medra en participación e en orgullo compartido”. Durante dez días, as patronais ofreceron máis de 300 actividades culturais, sociais e musicais que encheron de vida as rúas, prazas e barrios da cidade, con propostas para todos os públicos: grandes concertos na Horta do Seminario e na Praza DE Santa María, programación familiar no San Froilán Miúdo, pasarrúas, mostras de danza, teatro de rúa e citas folclórucas, combinando tradición e modernidade cunha aposta decidida pola diversidade e a inclusión.

O alcalde puxo tamén en valor o impacto económico e turístico das festas, que dinamizaron a hostalaría, o comercio e o sector servizos. “O San Froilán é un motor económico para Lugo e contribúe de maneira decisiva á desestacionalización do turismo. Son moitas as persoas que volven ano tras ano, e tamén moitas as que nos visitan por primeira vez atraídas pola autenticidade e polo ambiente único destas festas”, sinalou o rexedor.

Tamén quixo recoñecer o traballo de todas as áreas implicadas, facendo fincapé no operativo de seguridade, apoiado no centro móbil de control da Policía Local, que permitiu unha resposta inmediata ante calquera incidencia e contribuíu a reducir de novo os tempos de intervención. En materia de limpeza, destacou o dispositivo especial activado pola Área de Transición Ecolóxica, que despregou máis de 40 operarios e 17 vehículos para manter en condicións óptimas todas as zonas de maior afluencia, como a Praza Maior, a Horta do Seminario ou as casetas do polbo. “Lugo amosou a súa mellor cara, unha cidade limpa, coidada e responsable, grazas ao esforzo dos traballadores e traballadoras municipais, que cada día comezaban antes do amencer para devolverlle o seu esplendor á cidade”, apuntou Fernández.

O rexedor municipal agradeceu de maneira especial a implicación do persoal municipal e dos corpos de seguridade, subliñando que “o éxito do San Froilán é o éxito de toda a cidade, dunha cidadanía que fai das patronais un exemplo de civismo, hospitalidade e orgullo compartido”. Engadiu que “estas festas volven situar a Lugo como capital cultural e emocional de Galicia, coa Muralla como testemuña dunhas celebracións que son historia viva e motor de futuro”.

“O San Froilán é, como dicía Cunqueiro, a gran festa do outono galego, pero tamén é unha declaración de amor a Lugo: ás súas rúas, á súa xente e á súa identidade. Que cada persoa que nos visitou leve un anaco deste espírito é, sen dúbida, o mellor balance posible”, concluíu o alcalde.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destaca o éxito do San Froilán | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/miguel-fernandez-destaca-o-exito-dun-san-froilan-que-reafirma-o-seu-papel-como-gran-festa-do

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/101325_audio_miguel_fernandez_destaca_o_exito_dun_san_froilan_que_reafirma_o_seu_papel_como_a_gran_festa_do_outono_galego_e_simbolo_de_identidade_lucense.mp3