Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Medio Rural inicia a conta atrás para a construción da rede de abastecemento no núcleo de Penarrubia e na parroquia de Bocamaos

Medio Rural inicia a conta atrás para a construción da rede de abastecemento no núcleo de Penarrubia e na parroquia de Bocamaos

As obras, cun custo de 104.000€ e 154.000 euros, respectivamente, son a continuidade das infraestruturas de traída pública nas zonas de Meilán e Orbazai

  • Tema
    • Medio rural
Martes, 12 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Rural inicia a conta atrás para a construción da rede de abastecemento no núcleo de Penarrubia e na parroquia de Bocamaos

O concelleiro de Medio Rural anunciaba hoxe o inicio da conta atrás para que o núcleo de Penarrubia e a parroquia de Bocamaos dispoñan dunha rede de abastecemento propia.

“Esta semana levaremos á Xunta de Goberno a aprobación da contratación destas obras, comprometidas hai tempo e que, queremos, se materialicen canto antes para cumprir cunha demanda social á que nos parece de xustiza dar resposta pola importancia que ten dotar deste servizo á veciñanza do rural que, en moitos puntos do termo municipal, só se fornece aínda de pozos particulares”, asegurou Miguel Fernández.

O edil responsable de área indicou que a adxudicación dos traballos se licitará de forma independente para cada un dos dous proxectos, de maneira que o primeiro se estima nun total de 104.491’73€ e terá un prazo de execución de tres meses pola complexidade que presenta a obra e, o segundo, cun custo de 154.201’54€, deberá estar finalizado en tan só 60 días. Ámbolos dous serán sufragados con cargo ao Plan Único da Deputación Provincial.

“O obxectivo é ampliar a rede de saneamento existente de forma que coa actuación prevista en Penarrubia se complete o abastecemento de todo o núcleo de Orbazai, mentres que a de Bocamaos axudará a estender a cobertura da traída á parte noroeste do municipio, logo de tela rematada xa na zona de Meilán”, explicou Miguel Fernández ao tempo que avanzou que o seu departamento atópase realizando neste momento unha memoria valorada doutras intervencións coa idea de executalas á maior brevidade posible.

Audio

  • O concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, sobre a construción da rede de abastecemento | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/medio-rural-inicia-conta-atras-para-construcion-da-rede-de-abastecemento-no-nucleo-de

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/121119_miguel_fernandez_-_abastecemento_penarrubia_e_orbazai.mp3