Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Medio Ambiente completa estes días a mellora da drenaxe en Fontiñas

Medio Ambiente completa estes días a mellora da drenaxe en Fontiñas

A intervención, coa que se pretende aliviar a recollida de pluviais e corrixir as disfuncións que ocasionan na rede de saneamento, concéntrase na rúa Outono e Carril dos Indios

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Medio ambiente,
    • Auga
Martes, 29 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente completa estes días a mellora da drenaxe en Fontiñas

A área de Medio Ambiente executa estes días traballos de mellora da drenaxe na Rolda das Fontiñas.

A actuación, coa que se pretende aliviar a recollida de pluviais nesta parte da capital, persegue corrixir os frecuentes asolagamentos que se producen na zona, concretamente no Carril dos Indios e na rúa Outono, onde se concentra a auga como consecuencia non só da orografía do terreo, senón tamén debido ás eivas que presenta o sistema de captación neste punto da traída pública, entre elas, a falta de sumidoiros.

“As tarefas programadas – explicou o edil de Desenvolvemento Sostible – consistirán na colocación de varias liñas de reixas que evacuarán aos pozos de rexistro próximos, compensando cun aliviadoiro o exceso de caudal para trasladalo ao lado leste da Rolda. Ademais, disporanse tres novos depósitos, cada un con 6 sumidoiros de gran capacidade asociados, que interceptarán a rede de pluviais para facilitar o seu desaugue”.

Álvaro Santos indicou que a intervención, que concluirá a vindeira semana, servirá igualmente para evitar que, derivadas desas inundacións momentáneas, se reproduzan outras disfuncións que afectan á canalización de saneamento como pode ser o retorno de augas sucias aos inmobles.

Con estas obras, enmarcadas no Plan de Barrios, o Concello completa un proxecto máis amplo de mellora da drenaxe na cidade, con actuacións xa realizadas na Estrada da Granxa e outras que se acometerán na Escalinata da Estación, e que supoñen un investimento municipal conxunto en torno aos 90.000 euros.

Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre as melloras da drenaxe en Fontiñas | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/medio-ambiente-completa-estes-dias-mellora-da-drenaxe-en-fontinas

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/290920_alvaro_santos_-_mellora_da_drenaxe_en_fontinas.mp3