Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Mauricio Repetto, recibiu aos máis de cen nenos e nenas que participaron no Campus de baloncesto Álex Llorca

Mauricio Repetto, recibiu aos máis de cen nenos e nenas que participaron no Campus de baloncesto Álex Llorca

O Pazo dos deportes acolleu a 7º edición do Campus Álex Llorca do 4 ao 10 de xullo.

  • Tema
    • Deportes,
    • Escolas deportivas,
    • Formación
Xoves, 07 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Mauricio Repetto, recibiu aos máis de cen nenos e nenas que participaron no Campus de baloncesto Álex Llorca

O Concelleiro de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto, recibiu este xoves na Casa Consistorial aos máis de cen nenos e nenas que participaron no Campus de baloncesto, que organiza o xogador da ACB Álex Llorca, en colaboración co Concello de Lugo.
 
Repetto deulles a benvida á Casa do Concello e explicoulles que “a través da práctica do deporte apréndense unha infinidade de ensinos e valores positivos moi útiles tales como, o traballo en equipo que axuda a esforzarse para conseguir o ben común por encima do triunfo individual, algo sempre positivo tanto no terreo de xogo como na vida”.
 
A través dos adestramentos e das actividades paralelas, os asistentes coñécense e fan novos amigos. “Nos campus deportivos faise especial fincapé niso, grazas á profesionalidade de técnicos de primeiro nivel que dinamizan os adestramentos e as sesións diarias” sinalaba o edil.
 
Mateo Rubio, un ano máis liderou a dirección técnica xunto co ex-xogador do Breogán Álex Llorca, que compartiron cos nenos e nenas unha semana intensa de puro baloncesto. "É un orgullo para todos nós realizar un ano máis o campus nesta cidade. As instalacións son de primeiro nivel e estamos moi contentos de seguir vinculados co deporte galego." declara Llorca.
 
"O noso reto foi aproveitar a estancia para mellorar individualmente, desenvolver o coñecemento do xogo dos cativos e compartir baloncesto en tres sesións diarias, competicións internas, posibilidade de adestramentos individualizados. Todo iso cun grupo de adestradores de primeiro nivel e con moita experiencia" , engadiu Rubio.
 
A entidade local colabora con esta cita, posto que se enmarca na súa aposta por fomentar a práctica deportiva ao tempo que se impulsa a cidade de Lugo, xa que moitas familias achegáronse cos seus cativos.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/mauricio-repetto-recibiu-aos-mais-de-cen-nenos-e-nenas-que-participaron-no-campus-de