Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Mañá abrirá o prazo para solicitar as axudas para material escolar e didáctico do alumnado de educación infantil

Mañá abrirá o prazo para solicitar as axudas para material escolar e didáctico do alumnado de educación infantil

Estas subvencións, ás que o Concello destina 36.500 euros e que chegarán a preto de 450 alumnos, poden solicitarse do 21 de setembro ao 10 de outubro, no Rexistro Xeral do Concello

  • Tema
    • Subvencións municipais,
    • Educación,
    • Educación pública
Martes, 20 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello abre mañá o prazo para solicitar as axudas para a adquisición de material escolar e didáctico para alumnos e alumnas de educación infantil, tras a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia deste martes. Esta convocatoria, que foi publicada na Base de Datos Nacional de Subvencións, ten o obxectivo de colaborar na mellora da calidade educativa e na igualdade de oportunidades de todos os nenos e nenas do municipio. Todos os interesados poden presentar as súas solicitudes ata o 10 de outubro no Rexistro Xeral do Concello.

O Concello, a pesar de non ter competencias en materia de Educación, destina 36.500 euros a estas axudas, para facilitar o acceso á educación a toda a poboación en igualdade de condicións, ao tempo que contribúen a superar as desigualdades e impulsan unha mellor educación.

Trátase de bolsas escolares para educación infantil, de 3 a 6 anos, e para alumnado matriculado en centros sostidos con fondos públicos. Estas axudas, que chegarán a preto de 450 alumnos, consisten nun vale desconto por un importe de 80 euros con destino á compra de libros ou material escolar nas librerías da cidade. Para acceder a ditas axudas o único criterio é a renda familiar e é necesario que o alumno estea censado en Lugo.

As bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia, así como no taboleiro de edictos e na páxina www.lugo.gal [1]. O formulario está a disposición dos interesados na área de Educación, situada no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, na web do Concello, así como no propio BOP.

Audio

  • Manuel Núñez, Concelleiro de Educación, sobre a apertura do prazo de solicitude das bolsas | Descargar mp3 [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/mana-abrira-o-prazo-para-solicitar-axudas-para-material-escolar-e-didactico-do-alumnado-de

Ligazóns:
[1] http://www.lugo.gal
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/200916_nunez-material-escolar.mp3