Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Maite Ferreiro recibe no Vello Cárcere a un grupo de estudantes do Conservatorio de Danza do Porto

Maite Ferreiro recibe no Vello Cárcere a un grupo de estudantes do Conservatorio de Danza do Porto

A edil de Turismo destacou que Lugo "está a facerse un oco no panorama estatal e internacional das artes do movemento".

Ferreiro: "as artes do movemento ocupan un lugar relevante dentro da programación cultural de Lugo, con programación de espectáculos consolidados nos auditorios e dando un importante peso á investigación con distintas residencias artísticas".

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Xestión cultural
Venres, 10 de abril de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Maite Ferreiro recibe no Vello Cárcere a un grupo de estudantes do Conservatorio de Danza do Porto

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, recibiu esta mañá no Vello Cárcere un grupo de estudantes do Conservatorio de Danza do Porto que están a visitar a cidade dentro dun intercambio co CDAN de Lugo. Na visita, Ferreiro destacou que “Lugo está a facerse un oco no panorama estatal e internacional das artes do movemento, grazas a unha programación estable, diversa e a unha aposta constante pola creación contemporánea”. A edil responsábel de Turismo destacou que o Vello Cárcere "é un dos espazos que cada ano acollen diversas residencias artísticas das que cada ano aparecen novos espectáculos".

Ferreiro subliñou que “as artes do movemento ocupan un lugar relevante dentro da programación cultural de Lugo, con espectáculos consolidados nos nosos auditorios e cun importante peso da investigación e da creación contemporánea, a través de distintas residencias e colaboracións co tecido profesional”.

Durante o 2026, o Vello Cárcere acollerá dúas residencias artísticas do programa Residencias Paraíso, co que a área de Cultura leva anos colaborando. A arquitecta e coreógrafa madrileña Blanca Gómez Terán investigará sobre Como cuando el pelo se eriza, unha proposta que xorde dunha reflexión sobre o capricho e o desexo. A través do movemento e do son, Blanca imaxina un corpo impaciente que habita a ausencia e a especulación, traducindo esta enerxía en danzas e cantares que flúen entre o desexo, a clase e o tempo.

A segunda residencia correrá a cargo do músico e artista performativo asturiano Óscar Bueno, desenvolverá La excitación del paisaje: La roca blanda / Parte II – La conferencia montañera. O proxecto entende a paisaxe non como algo dado, senón como unha relación entre quen mira e aquilo que é mirado. Corpo, imaxe e son actívanse como ferramentas para explorar esta relación e ensaiar novas formas de vincularnos co contorno, abrindo a percepción a outras escalas, texturas e experiencias sensoriais. A proposta toma a forma dunha conferencia expandida na que a montaña tenta desbordarse, abrandarse e contarse, transformando a relación entre espectador, corpo e entorno.

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre o grupo de estudantes do Conservatorio de Danza do Porto | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/maite-ferreiro-recibe-no-vello-carcere-un-grupo-de-estudantes-do-conservatorio-de-danza-do

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/260410_maite_ferreiro_danza.mp3