Maite Ferreiro inaugura no Vello Cárcere a exposición ‘Galaica’ de Diego Beyró
No marco deste programa, o centro cultural acolle do 15 ao 19 de setembro un ciclo de cine arxentino e uruguaio.
Ferreiro: “A programación do Vello Cárcere aposta por tender pontes culturais entre Galicia, Arxentina e Uruguai, reforzando os lazos históricos e culturais que nos unen”.
- Tema
- Animación sociocultural,
- Cultura e Turismo,
- Programación cultural,
- Museos e exposicións,
- Xestión cultural

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, inaugurou hoxe no Centro Cultural do Vello Cárcere a exposición ‘Galaica’ do artista Diego Beyró. A mostra, que xa se presentara previamente en Ourense, chega agora a Lugo cunha selección de pinturas e debuxos, incluíndo tamén obras inéditas.
‘Galaica’ é o resultado da procura espiritual e artística de Diego Beyró a través das diversas rutas do Camiño de Santiago -o Camiño Francés, o Portugués, o do Norte e a Vía da Prata-. Cada peregrinación deixou pegada na evolución do seu estilo, pasando do estudo da luz a unha exploración máis recente da cor.
As obras expostas son interpretacións visuais das paisaxes, as atmosferas e as sensacións vividas nestas viaxes. A partir da fotografía, Beyró crea unha "nova memoria", unha topografía de xesto e materia que, para el, é máis fiel á experiencia do camiñar que á propia imaxe documental. A mostra traza un paralelismo coa busca de iluminación que desde fai miles de anos levou ao pobo celta a conectar coa terra e coa natureza, perseguindo o último sol de Fisterra.
Segundo explicou Maite Ferreiro durante a inauguración, “esta mostra conecta a tradición milenaria do Camiño coa creación contemporánea, ofrecendo ao público lucense a oportunidade de se mergullar nunha experiencia que une arte e territorio”. Cada obra é unha pegada da viaxe, unha maneira de revivir o camiño non só como traxecto físico, senón como proceso vital e creativo, insistiu a concelleira.
A exposición permanecerá aberta ao público no Vello Cárcere nas vindeiras semanas, convidando as persoas visitantes a unha dobre viaxe: recoñecer a paisaxe a distancia e, ao tempo, perderse de preto na materialidade da obra.
Ciclo de cine Arxentino-Uruguaio
Ademais, no marco deste mesmo programa cultural, o Vello Cárcere acolle do 15 ao 19 de setembro ás 19:30 horas un ciclo de cine arxentino e uruguaio, con entrada libre.
As proxeccións comezan co filme Un oso rojo (Arxentina) e contarán coa presenza da cónsul xeral da República Arxentina en Vigo, Silvina Montenegro. O ciclo continuará con La noche de 12 años (Uruguai), Lluvia (Arxentina), Martín (Hache) (Arxentina) e pechará con Migas de pan (Uruguai), nun acto no que participará o cónsul xeral da República Oriental do Uruguai en Santiago de Compostela, Ramiro Rodríguez Bausero.
Ferreiro salientou que “a programación do Vello Cárcere aposta por tender pontes culturais entre Galicia, Arxentina e Uruguai, reforzando os lazos históricos e culturais que nos unen”.
