Maite Ferreiro asiste ao 19º Congreso de Salas de Música en Vivo
O Vello Cárcere de Lugo acolle dende o 18 ao 20 de xuño este Congreso que reúne a salas asociadas, promotores e managers de todo o Estado.
Ferreiro: “O noso compromiso firme coa cultura fai que visitantes e promotores aposten por Lugo para desenvolver os seus proxectos”.
- Tema
- Animación sociocultural,
- Cultura e Turismo,
- Programación cultural,
- Música

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, acudiu ao 19º Congreso Estatal de Salas de Música en Vivo, que reúne á Asociación Estatal de Salas de Música en Directo con actividades do 18 ao 20 de xuño en varios espacios da cidade de Lugo.
Maite Ferreiro quixo lembrar o compromiso do Goberno Municipal coa difusión da cultura e das artistas locais, “nunha aposta firme que está convertendo a nosa cidade nun centro cultural que chama a atención de visitantes e promotores que deciden apostar por Lugo para desenvolver os seus proxectos e que permiten encher os doce meses do ano con actividades culturais para todos os públicos e gustos”, explicou a concelleira.
O Congreso Estatal de Salas de Música en Vivo, que se celebra anualmente desde 2005, festexa os seus 19 anos con actividades dirixidas ás salas asociadas e que terán lugar no espazo cultural do Vello Cárcere. As xornadas, explicou Maite Ferreiro, “inclúen tamén concertos abertos ao público nas salas lucenses Clavicémbalo e Jagger, grazas á colaboración de entidades entre as que se atopa a Área de Cultura do Concello”.
O Congreso arrancou na tarde de onte coa celebración no Vello Cárcere da asamblea xeral de socios e cun concento dos asturianos Alberto & García na sala Jagger, e continuou no día de hoxe con paneis a cargo de recoñecidos programadores que informaron sobre a importancia de dixitalizar as xestións nas salas de concertos, así como dos novos modelos de financiación ou dos recentes protocolos de seguridade.
A presentación do ‘Decálogo de inclusión e accesibilidade para salas de música en vivo’ abriu a sesión de tarde coa presenza da concelleira de Cultura, quen lembrou a urxencia deste tipo de guías ante “a necesidade dos e das profesionais de saber como adaptar correctamente as súas salas a públicos diversos e con necesidades específicas”. Tamén será recoñecido pola SGAE o compromiso e traxectoria da sala Clavicémbalo de Lugo, unha sala que “ten unha pegada imborrable na historia da nosa cidade, xa que foi e seguirá sendo testemuña de momentos que contribuíron a enriquecer a vida cultural de Lugo”, agradeceu Maite Ferreiro.
As xornadas rematan mañá cunha mesa de traballo pioneira que reunirá a representantes de salas de música en vivo, promotores e managers.
