Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Maite Ferreiro anuncia unha nova exposición que amosará as pezas tradicionais da cerámica dos centros alfareiros de Lugo

Maite Ferreiro anuncia unha nova exposición que amosará as pezas tradicionais da cerámica dos centros alfareiros de Lugo

Entre 200 e 300 cerámicas exhibirán no Vello Cárcere as semellanzas e as diferenzas entre as pezas realizadas nos catro centros artesanais que coexistiron na provincia de Lugo.

No proxecto colaboran tamén a Asociación Ceramolóxica Canaveira, a Unidade de Arqueometría da Universidade de Santiago e a FECYT.

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Museos e exposicións,
    • Xestión cultural
Xoves, 22 de febreiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Maite Ferreiro anuncia unha nova exposición que amosará as pezas tradicionais da cerámica dos centros alfareiros de Lugo

A concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, anunciou a nova exposición que ocupará o espazo expositivo do Vello Cárcere de Lugo. ‘Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós’ amosará, dende o 29 de febreiro ata o 17 de maio, unha selección de 250 pezas de cerámicas singulares e de uso cotiá na casa galega, producidas nos centros oleiros de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós, os catro máis importantes da provincia de Lugo.

Maite Ferreiro indicou que esta mostra “permite ofrecer, con enfoque máis ben científico, unha imaxe da riqueza oleira e do modo de vida de épocas pasadas en Galiza”, todo froito dos estudos de Luciano García Alén e do traballo conxunto de coleccionistas, profesionais da arqueoloxía e persoal investigador da USC, aclarou a concelleira.

Na exposición que reflectirá as semellanzas e as diferenzas entre as pezas que se fixeron nos catro centros artesanais que coexistiron na provincia de Lugo, “valorarase a funcionalidade, antigüidade e decoración das propias cerámicas”, explicou Ferreiro. Ademais, a mostra “contará con paneis informativos que proporcionarán a máxima información a todas aquelas persoas que se acheguen a visitar a exposición, con detalles sobre as tipoloxías, procedencias ou datos máis específicos de tipo etnográfico e arqueolóxico”, indicou a concelleira de Cultura.

‘Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós’ disporá tamén dunha reportaxe fotográfica onde se recollerán todos os elementos non musealizables asociados ao oficio de oleiro, como camiños ou fornos, así como fotos das persoas que desempeñaron o oficio.

Audio

  • A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, sobre a nova exposición no Vello Cárcere | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/maite-ferreiro-anuncia-unha-nova-exposicion-que-amosara-pezas-tradicionais-da-ceramica-dos

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/20240222_maite_ferreiro_exposicion_oleria.mp3