Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Maite Ferreiro anuncia unha nova convocatoria das Residencias Paraíso nas instalacións do Vello Cárcere

Maite Ferreiro anuncia unha nova convocatoria das Residencias Paraíso nas instalacións do Vello Cárcere

As agrupacións interesadas poden consultar as bases na web do Colectivo RPM, e o prazo de inscrición para optar a unha das 9 bolsas remata o 26 de febreiro.

Ferreiro: "este ano celebramos o 10º aniversario dunha iniciativa que permite dar unha gran promoción á nosa cidade e achega a Lugo agrupacións de gran calidade para que desenvolvan aquí os seus proxectos".

  • Tema
    • Benestar social,
    • Animación sociocultural,
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Museos e exposicións,
    • Xestión cultural
Mércores, 25 de febreiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Maite Ferreiro anuncia unha nova convocatoria das Residencias Paraíso nas instalacións do Vello Cárcere

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou unha nova convocatoria das Residencias Paraíso que se celebrarán entre abril e outubro deste 2026 nas instalacións do Vello Cárcere de Lugo. "Un proxecto co que o Concello de Lugo leva colaborando nos últimos anos e que permite tanto dar unha grande promoción á nosa cidade entre as e os artistas de toda a península como achegar a Lugo a agrupacións de gran calidade para que desenvolvan aquí os seus proxectos", explicou a concelleira.

Ferreiro informou de que este programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas "está dirixida a artistas de Galiza, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas". As Residencias Paraíso pretenden fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor de novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística mentres se normaliza o concepto de residencia artística, "fundamental para o presente e o futuro da cultura galega", insistiu a concelleira de Cultura.

As interesadas poderán presentar a súa proposta até o 8 de marzo e un comité de expertas valorará a integridade artística do proxecto, a relación entre a proposta e o territorio e as prácticas de programación que arroupen a residencia. Os proxectos seleccionados neste 2024 serán anunciados a mediados do mes de marzo, rematou Maite Ferreiro.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/maite-ferreiro-anuncia-unha-nova-convocatoria-das-residencias-paraiso-nas-instalacions-do