Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Maite Ferreiro: “agradecemos o traballo da Policía Local na defensa das liberdades lingüísticas da veciñanza de Lugo”

Maite Ferreiro: “agradecemos o traballo da Policía Local na defensa das liberdades lingüísticas da veciñanza de Lugo”

A concelleira responsábel de Promoción da Lingua trasladou o seu agradecemento á Policía Local pola súa actuación na noite do pasado 20 de marzo

Ferreiro: “é preocupante que se agreda a unha persoa por falar en galego”

 
  • Tema
    • Promoción da lingua,
    • Protección da comunidade,
    • Seguridade
Luns, 21 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Maite Ferreiro: “agradecemos o traballo da Policía Local na defensa das liberdades lingüísticas da veciñanza de Lugo”

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, trasladou o seu agradecemento á Policía Local pola súa actuación na noite do pasado sábado 20, cando actuaron contra unha agresión galegófoba. A concelleira declarou que “é de agradecer que a Policía Local traballe en defensa das liberdades lingüísticas da veciñanza de Lugo”, e engadiu “malia que estas situacións son minoritarias, é preocupante que se chegue a agredir a unha persoa polo simple feito de falar en galego”.

“Logo de anos e anos escoitando historias sobre a imposición do galego, vemos como este discurso de odio fomentado pola extrema dereita está a producir este tipo de situacións que nos fan retroceder a outros tempos escuros para a nosa lingua”, declarou Maite Ferreiro. Para a concelleira de Cultura, “este tipo de discursos ten como finalidade manipular e enganar á veciñanza eliminando unha peza importante da nosa historia e da nosa cultura como é a lingua galega”.

Maite Ferreiro afirmou que “desde o Goberno de Lugo seguiremos traballando para fomentar o uso do galego en todos os ámbitos, e garantizar que toda a sociedade poida usar a súa lingua en liberdade”.

Audio

  • Maite Ferreiro, sobre as liberdades lingüísticas da veciñanza de Lugo | Descargar mp3 [1]
 

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/maite-ferreiro-agradecemos-o-traballo-da-policia-local-na-defensa-das-liberdades-linguisticas

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/220321_maite_ferreiro_agresion_galego.mp3