Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Máis dunha trintena de artistas participan no XVI Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre 'Cidade de Lugo'

Máis dunha trintena de artistas participan no XVI Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre 'Cidade de Lugo'

Carmen Basadre destacou a participación acadada nesta edición, na que concorreron artistas de diferentes lugares de Galicia e España, e consolida o seu prestixio a nivel nacional

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural
Domingo, 10 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Máis dunha trintena de artistas participan no XVI Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre 'Cidade de Lugo'

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, destacou este domingo na cerimonia de entrega dos premios do XVI Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre Cidade de Lugo a participación acadada este ano, no que concorreron 33 artistas chegados de distintos lugares de Galicia e España, e que consolida o seu prestixio a nivel nacional. O pintor Juan Carlos Triñanes de Rianxo resultou gañador desta edición, mentres que na categoría de artista local o vencedor foi Manuel Carreira.

Dende primeira hora da mañá, os pintores participantes escolleron un lugar entre os múltiples espazos contemplados nesta edición, que amplía o tradicional escenario do recinto amurallado ao barrio da Ponte, o parque da Milagrosa e o MIHL, o paseo do Miño e a súa pasarela peonil, no que traballar á vista de curiosos, transformando deste xeito a cidade nun grande estudo de pintura ao aire libre.

O xurado, que estivo composto polos artistas Mónica Alonso, Xoán Vila e Jorge Espiral, reuniuse diante da Casa Consistorial para valorar os 33 cadros presentados a concurso e destacou o alto nivel dos participantes.

Tras deliberar, os membros do xurado decidiron outorgar os premios aos seguintes participantes:

1º premio de 1.500 euros e diploma a Juan Carlos Triñanes Buceta.

2º premio de 1.000 euros e diploma a Raúl Gil Burés.

3º premio de 800 euros e diploma a Manuel Ángel Serantes Morán.

Os seis accésits de 300 euros e diploma corresponden aos seguintes autores:
1.- Isabell Seidell.
2.- José Luis Riestra Alonso.
3.- Piedad Santamaría Pascual.
4.- Julio Gómez Mena.
5.- Eduardo Baamonde.
6.- Diego Manuel Fernández González Columé.

O premio especial de 450 euros e diploma ao artista local foi para Manuel Ángel Carreira Varela.

Exposición dos cadros participantes
A partir do momento do ditame do xurado, que tivo lugar na Praza Maior, os autores dos cadros non premiados tiveron a posibilidade de poñer á venda as súas obras, asinándoas e poñéndolles na parte traseira o seu importe. A exposición ao aire libre prolongouse ata a tardiña e sumou gran cantidade de público.

Entre os días 13 e 17 de xullo realizarase unha exposición de todas as obras premiadas no corredor da Casa do Concello.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/mais-dunha-trintena-de-artistas-participan-no-xvi-certame-de-pintura-rapida-ao-aire-libre