Máis do 60% dos lucenses adopta algunha medida de precaución antes de viaxar co seu vehículo por estrada
Os resultados obtidos na enquisa realizada polo Concello a través da páxina web municipal, www.lugo.es [1], para coñecer as medidas de precaución que adoptan os lucenses antes de saír de viaxe co seu vehículo por estrada, sinalan que máis do 60% acostuma tomar algunha.
O 35,49% dos participantes (con 164 votos) na enquisa responderon que non adoptan ningunha medida de precaución antes de sair de viaxe co seu vehículo, fronte ao 64,83% dos usuarios da web que votaron as opcións restantes.
A segunda opción máis votada, co 26,68% dos internautas foi a de “Facer unha revisión mecánica do vehículo”, con 123 votos.
Entre as tres opcións restantes propostas na enquisa, os resultados quedaron do seguinte xeito:
- Un total de 81 lucenses preparan a ruta a seguir con antelación e supoñen o 17,53% dos participantes;
- De seguido, 52 persoas programan a saída da viaxe para horas con menor intensidade de tráfico, cun 11,53 % dos votos.
- A opción menos seleccionada, con 42 seguidores, é a de descansar ben a noite anterior, que acumulou o 9,09% do total.
Nesta enquisa participaron 462 internautas e mantívose activa entre o 1 e o 27 de agosto deste ano. A web municipal, www.lugo.es [1], propón unha nova cuestión sobre o grao de satisfacción dos lucenses coas compras que realizaron nesta tempada de rebaixas.
