Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Máis de 2.000 rapaces participaron no certame Educar para Previr. Os hábitos saudables organizado polo Concello de Lugo

Máis de 2.000 rapaces participaron no certame Educar para Previr. Os hábitos saudables organizado polo Concello de Lugo

  • Tema
    • Igualdade
Mércores, 24 de decembro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, entregou os premios aos participantes na décimocuarta edición do certame Educar para Previr que este ano contou coa participación de máis 2.000 estudantes de Primaria (de 6 a 12 anos) dunha vintena de centros educativos da cidade.

A cifra de participantes multiplicouse dende que o Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Lugo comezou a celebrar este certame no ano 2003, cando contou con 742 participantes. Ano tras ano, o programa conta cunha mellor acollida, xa que Educar para Previr converteuse en toda unha tradición nos centros educativos, aos que se conseguiu implicar e sensibilizar no tema da prevención das drogas.

Nesta edición, a temática dos debuxos que os nenos e nenas participantes tiveron que facer, estaba vencellada aos hábitos saudables. O obxectivo desta proposta é que os rapaces e rapazas reflexionen sobre a importancia de accións como comer froita, durmir as horas precisas ou practicar deporte.

Seleccionáronse 16 gañadores que recibiron un diploma e un agasallo sorpresa nun acto que tivo lugar no Centro social Uxío Novoneira. Cos debuxos premiados, a Concellería de Muller e Benestar Social fará 1.000 calendarios que serán repartidos a todos os centros educativos da cidade.

Educar para previr, presenta a figura dos pais, nais e titores como referentes fundamentais na formación dos cativos de entre 6 e 12 anos, que se atopan nun momento trascendental da súa evolución e da súa correcta orientación hacia o futuro.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/mais-de-2000-rapaces-participaron-no-certame-educar-para-previr-os-habitos-saudables