Máis de 1.300 nenos e nenas participaron no XXII Certame Educar para Previr, organizado polo Concello
Carmen Basadre fixo entrega este martes dos premios aos 12 gañadores deste concurso que ten como obxectivo implicar e sensibilizar aos máis cativos sobre os efectos negativos do consumo de drogas
- Tema
- Infancia,
- Cultura e Turismo,
- Prevención de drogodependencias
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, fixo entrega este martes no Salón de Plenos dos premios do XXII Certame de debuxo Educar para previr. Trátase dun concurso educativo organizado polo Concello, que ten como obxectivo implicar e sensibilizar aos máis cativos sobre os efectos negativos do consumo de drogas.
Nesta edición participaron máis de 1.300 nenos e nenas de primaria de 10 centros educativos de Lugo, que baixo o tema de saúde e ocio reflexionaron acerca dos beneficios das actividades de lecer saudables.
Entre os alumnos dos centros educativos que participaron na convocatoria escolléronse aos 12 gañadores que recibiron un diploma acreditativo, un vale por importe de 50 euros en material deportivo, un calendario para o ano 2016 cos traballos seleccionados e unha entrada para a pista de xeo que ten instalada o Concello na Praza Horta do Seminario.