Lugo súmase de novo á campaña En Negro contra a violencia machista
A Alcaldesa asinou en Santiago o protocolo para seguir impulsando unha iniciativa da que xa forman parte 106 concellos e deputacións galegas
- Tema
- Alcaldía
A Alcaldesa, Lara Méndez, asinou este luns en Santiago de Compostela o protocolo para seguir impulsando un ano máis en Lugo a campaña En Negro contra a Violencia, iniciativa da que xa forman parte 106 entidades públicas de toda Galicia, entre concellos e as deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra, e que ten como obxectivo sensibilizar á cidadanía no rexeitamento á violencia machista a través de diversas accións coordinadas entre institucións de diferentes cores políticas.
En Lugo, a día de hoxe están implicados nesta campaña máis de 200 establecementos e axentes sociais: asociacións, clubes deportivos, colexios e institutos, hostalería, comercio, taxistas e supermercados.
Ademais de subliñar o compromiso do Concello de Lugo con esta iniciativa e con todas as que teñan como obxectivo loitar contra unha lacra que acabou coa vida de preto de mil mulleres dende o 2003, a Alcaldesa puxo en valor a capacidade da denominada “cuarta ola feminista” para avanzar e conseguir a igualdade real entre mulleres e homes, vital para acabar coas violencias machistas. A violencia, asegurou, é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres polo mero feito de selo, unha desigualdade silenciada, agochada e, en moitos casos normalizada. Neste senso, gabou a constitución tan só hai uns días da Asociación Xornalistas Galegas para reivindicar un periodismo feminista.