Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lugo será a sede da Asemblea Nacional da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas en 2026

Lugo será a sede da Asemblea Nacional da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas en 2026

A designación fíxose pública ao rematar a asemblea de 2025, celebrada en Xinzo de Limia.

A cita desenvolverase os días 17 e 18 de abril, coincidindo co ano de celebración do 25 aniversario do Arde Lvcvs.

O edil Jorge Bustos salienta que “este recoñecemento reforza un modelo de festa que combina rigor histórico, participación cidadá e compromiso institucional”.

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Axenda institucional,
    • Animación sociocultural,
    • Asociacións sociais
Sábado, 10 de maio de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo será a sede da Asemblea Nacional da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas en 2026

Lugo acollerá en 2026 a Asemblea Nacional da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas (AEFRH), o principal encontro anual do sector, no que participan 56 festividades de toda España. A designación fíxose pública ao rematar a asemblea deste ano, que tivo lugar en Xinzo de Limia.

A reunión desenvolverase os días 17 e 18 de abril do vindeiro ano, coincidindo co ano de celebración do 25 aniversario do Arde Lvcvs. Este fito subliña a consolidación dun proxecto cultural que converte Lugo cada mes de xuño nun escenario vivo do pasado, grazas á implicación de múltiples axentes da cidade: asociacións de recreación histórica, colectivos teatrais, centros educativos e outras entidades sociais que contribúen á súa ambientación e desenvolvemento.

O edil de Xuventude, Jorge Bustos, valorou este anuncio como “un novo impulso para seguir mellorando a calidade da festa e a súa proxección exterior, sempre desde o respecto á súa orixe e ao traballo colectivo que a fixo posible”.

Bustos destacou tamén a importancia desta cita para visibilizar o traballo que se realiza durante todo o ano desde a Concellería de Xuventude: “O Arde Lvcvs é moito máis ca catro días de celebración. É un proxecto estruturado que aposta pola formación, pola participación cidadá e pola divulgación do noso patrimonio dende a seriedade e a colaboración”.

A Asemblea Nacional da AEFRH reúne anualmente a representantes das festas integradas na asociación, promovendo espazos de intercambio, asesoramento e planificación compartida. A entidade forma parte, ademais, da Confederación Europea de Festas e Manifestacións Históricas, o que lle outorga tamén un importante alcance internacional.

Neste contexto, Lugo situarase como punto de encontro de profesionais e colectivos que traballan en todo o Estado na posta en valor da historia e da identidade das súas cidades. A cidade será anfitrioa de sesións de traballo, actividades culturais e un desfile de festas participantes, reforzando así o seu papel como referente da recreación histórica.

“O Arde Lvcvs é unha festa que naceu do impulso da cidadanía lucense e da forza das súas asociacións, e que medra cada ano grazas á implicación do equipo técnico da área de Xuventude e á colaboración leal de todo o tecido social. Esa é a clave do seu éxito e do seu futuro”, concluíu Jorge Bustos.

Audio

  • O edil de Xuventude, Jorge Bustos, sobre a Asamblea Nacional | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lugo-sera-sede-da-asemblea-nacional-da-asociacion-espanola-de-festas-e-recreacions-historicas

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/051025_jorgebustos_asambleanacional.mp3