Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lugo reivindica no Día Internacional da Muller a igualdade de dereitos entre mulleres e homes

Lugo reivindica no Día Internacional da Muller a igualdade de dereitos entre mulleres e homes

Rosario Maya Montoya, da Fundación Secretariado Gitano, foi a encarga de ler o manifesto, ao que seguiu a entrega de premios Entre Mulleres, concedido ás cooperantes Ana Vila Montero e Emilia Naverias, e a proxección dun documental

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Benestar social,
    • Igualdade,
    • Igualdade de dereitos
Martes, 08 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo reivindica no Día Internacional da Muller a igualdade de dereitos entre mulleres e homes

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, participaron este martes nos actos que organizou o Concello con motivo do 8 de marzo para ensalzar o papel da muller. Entre os actos programados nesta xornada atopábase a lectura dun manifesto, a entrega de premios Entre Mulleres e a proxeción dun documental. Aos actos tamén asistiron outros membros da Corporación Municipal así como deputados provinciais e representantes da Xunta en Lugo e da Subdelegación do Goberno.  

Nesta ocasión, o manifesto do Concello foi lido por Rosario Maya Montoya, da Fundación Secretariado Gitano, que denunciou as políticas de recortes na lei para a igualdade efectiva e nas medidas de protección integral contra a violencia de xénero, así como as desigualdades existentes no ámbito sociolaboral entre mulleres e homes, cunha diferencia entre o salario medio anual de máis de 6.000 euros.

Neste senso, tamén incidiu a Alcaldesa quen lamentou que o 54% das mulleres desempregadas no concello son mulleres, recaendo o incremento do paro rexistrado nas féminas. Lara Méndez aproveitou para pór de manifesto a fenda salarial, a precariedade laboral, os estereotipos machistas e o teito de cristal que impide ás mulleres acadar postos de responsabilidade na actualidade.

“A sociedade non pode renunciar a todo o que a muller achegou, achega e achegará na defensa do benestar social e do emprego, na loita pola igualdade de oportunidades e a non discriminación entre homes e mulleres”, asegurou a rexedora, quen fixo fincapé en que a igualdade é unha valor esencial dunha sociedade democrática.

A Alcaldesa fixo un chamamento para que todas as administracións e a sociedade introduzcan a igualdade como eixo prioritario para correxir as diferenzas socioeconómicas e para loitar contra as violencias machistas e traballar así para o fortalecemento da representatividade e a participación social, política, cultural e económica. “Aínda queda moito por facer”, asegurou Méndez, ao tempo que lembrou os últimos pasos que deu o Concello de Lugo neste senso, no que por primeira vez hai máis mulleres que homes tanto no Goberno como na Corporación.

Reivindicacións do manifesto

O manifesto leído esta mañá, esixe garantir a igualdade de mulleres e homes no acceso, mantemento e promoción do emprego, un sistema coeducativo que garantice a igualdade entre os sexos, a liberdade de elección das mulleres sobre a maternidade, a elaboración dunha Lei Integral contra a trata de seres humanos e mellorar a resposta institucional para a atención, protección e seguridade efectiva das mulleres víctimas da violencia de xénero, así como reivindicar o feminismo.

A cooperación internacional, premiada

As cooperantes Ana Vila Montero e Emilia Naveiras, a título póstumo, recibiron este martes os premios do Concello Entre Mulleres, polo seu labor en iniciativas sociais, un acto ao que asistiron ducias de persoas. A corporación municipal mantivo un encontro vía skype con Vila Montero, que se atopa traballando en Nicaragua “aumentando os lazos solidarios con Galicia e loitando polos valores nos que sempre creu, fe, xustiza, compromiso, amor, amizade e solidariedade”, tal e como manifestou González Abelleira. No encontro virtual, Vila Montero amosouse agradecida por recibir este galardón e puxo voz á realidade das mulleres de Nicaragua, que sofren a desigualdade nos eidos da educación e da saúde.

Unha amiga de Vila Montero e a irmá de Naveiras foron as encargadas de recoller unha figura de María Castaña e un ramo de flores da man da Alcaldesa, artigos cos que o Concello quixo homenaxear ás cooperantes.

Posteriormente, proxectouse un documental sobre as irmáns Elisa e Jimena Fernández De La Vega, as primeiras mulleres licenciadas en Galicia e Asturias, un vídeo elaborado pola Fundación TIC en colaboración co instituto Lucus Augusti.

Máis actos reivindicativos

Esta tarde, ás 19:00 horas diante da Praza de San Marcos celebrarase a Quedada pola Igualdade reivindicativa con varias as actividades, onde se lerá un manifesto, proxectaranse varios vídeos para pór en valor o importante valor das mulleres, e colocaranse varios paneis na praza para que a xente deixe a súa frase pola igualdade. Ás 21:00 horas arrancará o concerto solidario Voces pola Paz a favor de Médicos Sen Fronteiras no Auditorio Municipal Gustavo Freire. As entradas, cun prezo de 5 euros, aínda se poden mercar en www.ticketea.com [1]

Documentos

  • Manifesto do Concello de Lugo no 8 de marzo | Descargar pdf [2]
  • Ana María Vila Montero | Descargar pdf [3]
  • Emilia Naveiras | Descargar pdf [4]

Audio

  • Lara Méndez, sobre o Día Internacional da Muller | Descargar mp3 [5]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lugo-reivindica-no-dia-internacional-da-muller-igualdade-de-dereitos-entre-mulleres-e-homes

Ligazóns:
[1] http://www.ticketea.com/
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/manifesto_8_de_marzo_2016.pdf
[3] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/ana_vila_montero.pdf
[4] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/emilia_naveiras.pdf
[5] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/080316_dia_da_muller_alcaldesa.mp3