Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lugo regresa á gran pantalla, este venres, coa proxección especial de La Sombra de la Ley no Auditorio do Vello Cárcere

Lugo regresa á gran pantalla, este venres, coa proxección especial de La Sombra de la Ley no Auditorio do Vello Cárcere

O pase, que será gratuíto, terá lugar ás 19:00 horas. As persoas interesadas en acudir poden anotarse chamando ao 982.29.73.77

O aforo máximo permitido é de 29 persoas que se irá cubrindo por estrita orde de inscrición.

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural,
    • Xestión cultural
Mércores, 28 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo regresa á gran pantalla, este venres, coa proxección especial de La Sombra de la Ley no Auditorio do Vello Cárcere

A cidade acollerá este venres a proxección especial de La Sombra de la Ley. A película de Dani de la Torre, protagonizada por Luis Tosar, da que Lugo foi plató natural en agosto de 2017 e á que aportou tres decorados naturais dos máis de 80 dos que precisou a rodaxe.

O pase, que terá lugar ás 19:00 horas, no Auditorio do Vello Cárcere, será gratuíto e as persoas interesadas en asistir poden anotarse chamando ao número de teléfono 982.29.73.77 en horario de 10:00h – 14:00 horas de 16:00 a 20:00 horas.

O aforo máximo permitido, debido ás limitacións impostas pola pandemia, é de 29 prazas que se irán cubrindo por estrita orde de inscrición.

O Concello recupera así unha filmación que serviu e serve aínda para promocionar a cidade. O centro histórico lucense foi, durante 12 días, un dos escenarios da película que pretende ser reflexo da sociedade española de principios do século XX.

A alcaldesa, Lara Méndez, lembrou a pegada socioeconómica que tivo para a cidade acoller esta produción audiovisual da firma Vaca Films, ”xa que durante a rodaxe non só se desprazaron e fixeron vida na cidade un cento de persoas – entre equipo artístico e técnico – con todo o que iso conleva a nivel de aloxamento, hostalaría, etc, senón que foron contratados ao redor de 500 persoas entre figurantes e empresas locais que desenvolveron labores de iluminación, carpintería, decoración, guindastre, reforzos na perruquería ou maquillaxe; senón que tamén está supoñendo un retorno a medio e longo prazo en tanto Lugo sae recoñecida como un dos enclaves da historia contribuíndo, así, á súa proxección nacional e internacional e incrementando o seu atractivo turístico”, engadiu a rexedora.

A rúa Bispo Aguirre, a Praza Maior ou o Círculo das Artes foron algunhas das localizacións audiovisuais que dende o 9 ao 21 de agosto de 2017 se engalanaran “de época” para a ocasión. Este venres a veciñanza de Lugo terá oportunidade de recordalo asistindo á proxección especial organizada polo Concello nas instalacións municipais do Vello Cárcere.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lugo-regresa-gran-pantalla-este-venres-coa-proxeccion-especial-de-la-sombra-de-la-ley-no