Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lugo recibe aos 200 participantes da Ruta Quetzal 2026, unha expedición que conmemora os 900 anos do Reino de Galicia

Lugo recibe aos 200 participantes da Ruta Quetzal 2026, unha expedición que conmemora os 900 anos do Reino de Galicia

A alcaldesa deu a benvida aos mellores estudantes de España e animounos a converterse en embaixadores dunha cidade bimilenaria con moito pasado e, sobre todo, con moito futuro

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Medio ambiente
Mércores, 08 de xullo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo recibe aos 200 participantes da Ruta Quetzal 2026, unha expedición que conmemora os 900 anos do Reino de Galicia

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu hoxe na Casa do Concello aos 200 participantes da Ruta Quetzal 2026, unha das expedicións xuvenís de carácter educativo e cultural máis recoñecidas de España, que este ano percorre Galicia para conmemorar os 900 anos do Reino de Galicia baixo o lema Tras as pegadas de Urraca a Temeraria.

A expedición iniciou a súa viaxe o pasado 28 de xuño e percorreu diferentes enclaves históricos vinculados ao antigo Reino de Galicia antes de chegar a Lugo, unha das últimas etapas do percorrido antes da súa chegada a Santiago de Compostela.

Os participantes, procedentes de todas as comunidades autónomas, foron seleccionados polos seus excelentes expedientes académicos e polos seus méritos en ámbitos como o deporte, a música ou os idiomas. Durante a súa estancia na cidade realizaron un percorrido polos principais enclaves patrimoniais de Lugo para coñecer de primeira man a súa historia e o seu legado.

Durante a recepción institucional, a alcaldesa felicitou aos expedicionarios por formar parte dunha iniciativa que reúne aos mellores estudantes do país e agradeceu á organización que incluíse Lugo no itinerario desta edición.

"Estades entre os mellores e por iso non podiades marchar de Galicia sen coñecer a mellor cidade. Aproveitade estes días para descubrir o noso patrimonio, a nosa gastronomía e, sobre todo, ás persoas que fan de Lugo unha cidade acolledora. Gustaríanos que vos convertésedes en embaixadores da nosa cidade", sinalou.

Candia destacou tamén que a presenza da Ruta Quetzal contribúe a situar Lugo no mapa das cidades que apostan pola cultura, a historia e a formación da mocidade.

"Lugo é unha cidade bimilenaria, cun patrimonio excepcional e cun enorme futuro. É unha satisfacción formar parte dunha expedición que permite ás novas xeracións descubrir a nosa historia e os valores da convivencia, do esforzo e da cooperación", afirmou.

A alcaldesa animou tamén aos participantes a manter o vínculo coa cidade máis aló desta experiencia.

"Lugo ten un gran reto, que é captar talento como o que hoxe temos diante. Oxalá algún día volvades como profesionais para desenvolver aquí o voso proxecto de vida. Esta será sempre a vosa casa", concluíu.

A Ruta Quetzal combina a divulgación histórica coa formación en valores como o respecto, a cooperación, a protección do medio ambiente e a superación persoal a través de marchas, visitas culturais e actividades educativas. Esta edición contou co patrocinio da Axencia Turismo de Galicia e finalizará nos próximos.

 

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lugo-recibe-aos-200-participantes-da-ruta-quetzal-2026-unha-expedicion-que-conmemora-os-900