Lugo obtén a Bandeira Verde de Galicia como Concello referente no desenvolvemento sostible e a loita contra o cambio climático
O outorgamento deste distintivo constitúe mérito para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural e en materia de residuos de competencia municipal.
Paula Alvarellos: “Fomos pioneiros en implantar políticas medioambientais ambiciosas que hoxe serven de exemplo para outros moitos municipios non só da nosa comunidade”.
Lugo é o único municipio que obtivo este recoñecemento dentro da primeira categoría –na que se enmarcan os grandes concellos de Galicia– na cuarta edición dos premios.
- Tema
- Benestar social,
- Desenvolvemento social,
- Desenvolvemento local,
- Medio rural,
- Dinamización rural,
- Medio ambiente

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, informou este venres de que o Concello vén de obter o distintivo Bandeira Verde de Galicia “polas boas prácticas que impulsamos dende o Executivo Municipal en materia medioambiental e que sitúan a Lugo como un municipio referente no desenvolvemento sostible e a loita contra o cambio climático”.
O distintivo, creado pola Consellería de Medio Ambiente no ano 2020, recoñece aos concellos galegos máis dinámicos no eido medioambiental, desenvolvendo boas prácticas para o coidado da súa contorna, o respecto á paisaxe, a redución das emisións de CO2, ou a redución do consumo enerxético entre outras cuestións. Na cuarta edición dos premios, Lugo foi o único municipio que obtivo este recoñecemento dentro da primeira categoría –na que se enmarcan os grandes concellos de Galicia–.
Neste senso, a rexedora indicou que “fomos pioneiros en implantar políticas medioambientais ambiciosas, que hoxe serven de exemplo para moitos outros municipios non só da nosa comunidade”. “Desde a redución de emisións contaminantes ata a protección dos nosos espazos naturais, pasando pola mellora do sistema de reciclaxe e a promoción da enerxía renovable, cada decisión que tomamos está orientada a mellorar a calidade de vida de todas e todos os lucenses, sen comprometer o futuro das novas xeracións”, subliñou.
“Como administración local e máis próxima aos cidadáns estamos a liderar a transformación cara a unha cidade máis verde e sostible, impulsando políticas que moitas veces requiren valentía e visión a longo prazo, como pode ser a peonalización integral do centro histórico”, apuntou. “Esta distinción é, por tanto, un pulo ao noso compromiso decidido coa sustentabilidade, e tamén un recoñecemento ao traballo conxunto dos diferentes servizos municipais que, co seu esforzo, fan posibles estes avances”, engadiu.
A candidatura coa que Lugo concorreu a esta convocatoria incluíu actuacións xa finalizadas e outras en execución. “Non están todas as que se levaron a cabo, pero si unha gran parte das que amosan o modelo de cidade no que nos estamos a converter con proxectos que nos permiten vivir de xeito máis integrado co Miño (recuperación da Vía XIX, a pasarela sobre a N-VI e o paso soterrado, a senda verde ciclista, rexeneración do Carme, peonalización da calzada da Ponte...), nunha cidade máis ecolóxica (renaturalización dos espazos e creación de novas áreas verdes), referente no urbanismo sostible (Impulso Verde como edificio emblema e o deseño dos barrios sostibles do futuro), amable, funcional e integradora coa veciñanza de todas as idades (ascensores urbanos, peonalizacións, centros sociais interxeracionais, parques...) cun casco histórico continuo, camiñable e con diversidade de usos (peonalización integral do casco histórico e melloras na súa contorna) que impulsa a participación cidadá (Muramiñae Rehabilita) e fomenta o turismo sostible (coa Fábrica da Luz como algún dos proxectos claves)”, explicou Alvarellos.
“Estas actuacións están a situar a Lugo á vangarda da loita ambiental, demostrando que un goberno local pode ser motor de cambio e progreso”, engadiu a alcaldesa, quen explicou que a finalidade do Executivo é “acadar un Lugo con baixos niveis de contaminación, abundantes espazos naturais para goce dos seus habitantes, baixas emisións de gases efecto invernadoiro e cun crecemento urbanístico baseado en edificacións bioclimáticas e sostibles, e onde os cidadáns teñan unha importante vocación de respecto medio ambiental”.
Bandeira verde de Galicia
O obxectivo deste galardón –que será entregado ao Concello de Lugo nun acto organizado polo goberno autonómico o vindeiro 18 de octubre en Santiago de Compostela– é que os municipios sexan recoñecidos pola cidadanía e polos potenciais visitantes, fortalecendo a imaxe das vilas e pobos máis comprometidos nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural.
Así mesmo, o edil de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández explicou que “o outorgamento deste distintivo constituirá mérito tanto para os efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural, coma de axudas para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal”.
Para a valoración das candidaturas, establecéronse tres categorías de concellos, segundo a súa poboación: Lugo, figura na primeira categoría, e máis restritiva en canto aos requirimentos para a obtención do distintivo, xunto a Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra e Vigo.
