Lugo, na posta de largo do World Padel Tour en Madrid
O Concelleiro de Deportes asistiu no Teatro Goya da capital española á gala de presentación do torneo, do que a cidade será sede a primeiros de setembro
- Tema
- Deportes
O voceiro municipal e Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, participou este luns en Madrid na posta de largo da tempada 2018 do World Padel Tour, competición internacional da que a cidade lucense será sede a principios de setembro. A gala de presentación do circuíto, celebrada no Teatro Goya da capital española, foi conducida polo actor e presentador José Corbacho e entre as autoridades presentes estivo o presidente do Consejo Superior de Deportes, José Ramón Lete.
Lugo é unha das novidades do World Padel Tour 2018, xunto a Xaén, Murcia, Valencia e Bastad (Suecia).
Nesta cerimonia fíxose balance do torneo o pasado ano: un total de 200.000 espectadores, 500.000 seguidores nas redes sociais e máis de dous millóns de visualizacións no canal oficial de Youtube.
A Alcaldesa, Lara Méndez, e o concelleiro de Deportes presentaron o pasado venres a participación de Lugo como sede do World Padel Tour, co que a cidade “volve a facer historia no deporte”, pois será o “epicentro mundial do pádel”, reunindo entre os días 3 e 9 de setembro aos mellores clasificados a nivel internacional. Destacaron así mesmo o retorno económico e turístico do evento, estimado en máis de un millón de euros.