Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lugo lembra o 80 aniversario do axustizamento de Rafael de Vega

Lugo lembra o 80 aniversario do axustizamento de Rafael de Vega

A Alcaldesa presidiu a homenaxe diante do seu busto, que arrincou á mesma hora que foi fusilado

“Render homenaxe ás vítimas do franquismo, é render homenaxe á democracia”, subliñou Lara Méndez, ao tempo que facía fincapé neste acto como un xesto “para revivir e que non caia no esquecemento o noso pasado”

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Cultura e Turismo
Venres, 21 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo lembra o 80 aniversario do axustizamento de Rafael de Vega

Lugo lembrou este venres os 80 anos do axustizamento de Rafael de Vega. Fíxoo cunha ofrenda floral na rúa que leva o seu nome, en fronte ao monolito que lle rende homenaxe, xusto ás 18:00 horas, a mesma hora na que foi fusilado. Ao actos, organizados polo Concello, asistiron a Alcaldesa, Lara Méndez, así como diversos membros da Corporación Municipal, o Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, familiares do homenaxeado e representantes da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.

Tras a lectura da sentenza de condena de De Vega, a rexedora incidiu no 21 de outubro, como “un dos días nos que se escribiu unha das páxinas máis negras da cidade de Lugo”, o fusilamente de Ramón García Núñez, Gobernador de Lugo, Anxo Pérez López, concelleiro da cidade, Perfecto Abelarias, secretario do Alcalde, José Ramón López, mestre, e Rafael de Vega, director do Hospital de Santa María.

“Quixemos render homenaxe ás súas mortes nesta rúa e diante do busto dun deles, porque render homenaxe ás vítimas do franquismo, é render homenaxe á democracia”, subliñou a Alcaldesa, ao tempo que facía fincapé neste acto como un xesto “para revivir e que non caia no esquecemento o noso pasado”.

Do mesmo xeito, Lara Méndez fixo un chamamento á responsabilidade de todas as institucións democráticas actuais, “para que sigamos con máis esforzo, recuperando a memoria histórica das vítimas da ditadura franquista. Só existe o que se visibiliza e somos os responsables, de que non caian no esquecemento”, asegurou a rexedora.

“Ter memoria da historia é o feito diferenciador para construír un futuro e non hai ningún país occidental que sufrise réximes fascistas, que non construíse a súa democracia, sobre a visión sosegada, pero radicalmente crítica, coa ditadura que lle precedeu”; concluíu Méndez antes de darlle a palabra ao neto de Rafael de Vega, quen agradeceu ao Concello a organización desta homenaxe e ensalzou o papel que xogou o seu avó defendendo a democracia.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lugo-lembra-o-80-aniversario-do-axustizamento-de-rafael-de-vega