Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lugo, invitada a un congreso da UNESCO en Croacia sobre a xestión de cidades amuralladas

Lugo, invitada a un congreso da UNESCO en Croacia sobre a xestión de cidades amuralladas

O obxectivo das segundas xornadas Walled Cities, Open Societies é mellorar o coñecemento e as capacidades das entidades locais para implantar modelos sostibles e inclusivos de desenvolvemento nas cidades históricas

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Promoción turística,
    • Información turística
Domingo, 04 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Na foto, xunto á Alcaldesa, de esquerda a dereita: Laura de Miguel, representante do Ministerio de Cultura; Carmen Hernández, do Concello de Sevilla; e Susana Penedo, técnica do Servizo municipal de Arquitectura de Lugo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asistirá esta semana, luns e martes, a un congreso organizado pola UNESCO en Croacia, na cidade de Sibenik, sobre a xestión urbana de cidades amuralladas en Europa, ao que Lugo foi invitada por contar coa Muralla como Patrimonio da Humanidade.

Baixo o título Walled Cities, Open Societies, o obxectivo desta segunda edición das xornadas, nas que participarán representantes municipais, tanto políticos como técnicos, e da propia organización de Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, é intercambiar coñecementos co obxectivo de mellorar as capacidades das entidades locais para implantar modelos sostibles e inclusivos de desenvolvemento nas cidades históricas, nas que se garanta un equilibrio entre o crecemento socioeconómico e a conservación do patrimonio. Tamén se busca estreitar lazos entre cidades con murallas ou fortificadas para posibles sinerxias e alianzas futuras.

A rexedora acudirá cunha técnica municipal do Servizo de Arquitectura ao congreso, que inclúe unha decea de poñencias e actividades.

A idea de organizar este congreso naceu doutro encontro celebrado en xaneiro do ano pasado en Siena (Italia), no que 25 cidades de Europa, entre elas tamén Lugo, debateron sobre a xestión das zonas urbanas dentro de murallas históricas. Esta segunda edición busca avanzar neste eido.

Méndez subliñou que a participación neste encontro incardina co modelo de cidade do Concello, pois expoñeranse experiencias e ferramentas creadas pola UNESCO para aumentar a sostibilidade das intervencións de planificación e deseño das cidades contribuíndo á mellora da habitabilidade.

Audio

  • Lara Méndez, sobre a UNESCO en Croacia | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lugo-invitada-un-congreso-da-unesco-en-croacia-sobre-xestion-de-cidades-amuralladas

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/050318_congreso_croacia_-_alcaldesa.mp3