Lugo e Ferrol estreitan lazos e reivindican mellores comunicacións ferroviarias
Elena Candia e José Manuel Rey Varela coincidiron na importancia de reforzar a colaboración turística e cultural entre ambas as cidades e avanzar nas conexións ferroviarias.
- Tema
- Alcaldía,
- Axenda institucional,
- Cultura e Turismo,
- Promoción turística,
- Protección da comunidade,
- Transporte

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu este sábado no Concello ao alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, xunto cunha representación da corporación municipal ferrolá, con motivo da celebración do Día de Ferrol no marco das festas do San Froilán. O encontro serviu para estreitar os lazos entre ambas as cidades.
Candia defendeu que o irmandamento con Ferrol debe ir máis alá dun acto institucional e traducirse en iniciativas compartidas, especialmente nos ámbitos turístico e cultural. "Queremos que este irmandamento nos permita compartir experiencias con Ferrol e dar unha maior proxección aos recursos culturais e patrimoniais que temos en ambos os municipios», sinalou.
Neste obxectivo de estreitar lazos e favorecer a chegada de visitantes, a alcaldesa puxo tamén o foco na necesidade de mellorar as comunicacións ferroviarias. Candia incidiu en que estar mellor conectados é fundamental para facilitar que máis persoas poidan coñecer o patrimonio e a oferta cultural das dúas cidades, pero tamén para favorecer o seu desenvolvemento económico e social. "Lugo e Ferrol teñen moito que ofrecer, pero necesitamos comunicacións que nos permitan estar mellor conectados", destacou.
Neste contexto, referiuse á situación da estación intermodal de Lugo, unha infraestrutura que xerou unha gran expectación entre a veciñanza e coa que se agardaba dar un paso adiante nas comunicacións da cidade. Porén, a súa posta en funcionamento continúa pendente e non se coñece unha data concreta de apertura, malia que a inauguración estaba anunciada para o pasado mes de xuño.
"A estación intermodal espertou moita ilusión en Lugo. Seguimos as obras coa esperanza de que supuxesen un avance real nas nosas comunicacións, pero pasan os meses e seguimos no mesmo punto", manifestou a rexedora. Así mesmo, incidiu en que unha estación non pode ser só un edificio, senón que debe traducirse en mellores servizos, máis frecuencias e unha conexión efectiva coa alta velocidade.
Nese sentido, a alcaldesa reclamou información clara sobre os prazos e as melloras ferroviarias previstas, así como compromisos concretos que permitan que esta infraestrutura responda ás expectativas xeradas.
Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, destacou a vinculación entre ambas as cidades e a súa capacidade para contribuír ao progreso do norte de Galicia. "Ambas cidades están chamadas a vertebrar o avance do norte de Galicia, cada unha coa súa personalidade, a súa historia e a súa proxección", sinalou. O rexedor lembrou tamén que Ferrol conmemora este ano os 300 anos como Departamento Marítimo do Norte.
Rey Varela incidiu nos retos compartidos en materia de comunicacións e crecemento urbano. "Lugo e Ferrol compartimos retos e soños: a mellora das comunicacións territoriais e o crecemento das nosas cidades", manifestou. Neste sentido, reivindicou melloras no transporte de viaxeiros e mercadorías e defendeu a necesidade de contar cun tren que conecte Lugo e Ferrol, ademais de reclamar avances para a estación intermodal ferrolá.
Ambos os rexedores saudaron os veciños presentes no acto, moitos deles ferroláns que se desprazaron a Lugo para vivir unha xornada festiva. O encontro rematou coa invitación de Rey Varela a Candia para participar na celebración de San Xiao, o vindeiro mes de xaneiro, e co intercambio de agasallos institucionais.
