Lugo consolídase como sede de grandes campionatos deportivos cun retorno económico para a cidade de ata 3,7 millóns de euros entre abril e agosto
O calendario mobilizará preto de 20.000 asistentes ao longo de cinco meses de competicións autonómicas, nacionais e internacionais.
Os eventos previstos permitirán superar os 3,3 millóns de euros de impacto directo, reforzando o posicionamento de Lugo como destino deportivo.
“Cada campionato que chega a Lugo tradúcese en visitantes, en pernoitas e en actividade económica real, e iso é o que nos permite posicionarnos como unha sede de referencia”, sinalou o edil de Deportes, Jorge Bustos.
- Tema
- Benestar social,
- Deportes,
- Instalacións deportivas

O Concello de Lugo reafirma o seu posicionamento como sede de referencia para a celebración de grandes campionatos deportivos cun calendario entre abril e agosto que permitirá atraer preto de 20.000 asistentes, moitos deles procedentes de fóra da cidade, xerando así milleiros de pernoitas nos establecementos hoteleiros e un importante impacto no tecido económico local, cun retorno estimado de entre 3,5 e 3,7 millóns de euros.
“Non falamos só de participación, falamos de xente que se despraza, que permanece varios días en Lugo e que xera consumo directo na cidade. Ese é o valor diferencial destes campionatos”, destacou Jorge Bustos.
Cómpre salientar que esta programación vén precedida xa a finais de marzo polo Torneo Internacional de Semana Santa, organizado polo ADC Sagrado Corazón, no que participaron arredor de 1.200 persoas.
O calendario deportivo arrinca en abril co Torneo Lucus Augusti de ximnasia rítmica, organizado polo Club Filigrana, e continúa en maio cunha intensa programación que inclúe citas de referencia como Equigal, o salón internacional do cabalo, xunto ao Descenso Internacional do Miño, organizado polo club Cidade de Lugo e a Federación Galega de Piragüismo; o Torneo Cidade de Lugo de ximnasia rítmica, promovido polo club Gravity; o Medio Maratón Cidade de Lugo; e o Campionato de España de Rally Radio Control.
“Estamos a conseguir unha programación continuada que fai que durante semanas Lugo reciba visitantes de maneira constante, o que se traduce en ocupación hoteleira sostida e actividade económica continua”, subliñou o edil.
No mes de xuño concentraranse algunhas das citas máis relevantes, como o CESA de voleibol; o Campionato de España de hockey patíns en liña; o Campionato Galego de barco dragón; a xornada da Serpe Golden League de judo, organizada pola propia Serpe Golden League xunto ao Judo Club LugoKan e Lucus Dojo; e o Urban Dance Tour, promovido por Star Dance.
Durante o mes de xullo, Lugo continuará a acoller competicións de ámbito estatal como o Campionato de España de barco dragón, encontros entre seleccións autonómicas de fútbol sala Galicia-Cataluña e eventos como os Games Series.
O calendario pecharase en agosto co XXV Triatlón do Miño, organizado polo Club de Triatlón Cidade de Lugo Fluvial.
Neste contexto, Jorge Bustos puxo en valor o papel fundamental do tecido deportivo local: “Os clubs están a facer un traballo extraordinario, non só na promoción do deporte, senón tamén na capacidade de atraer competicións e visitantes, o que repercute directamente na economía da cidade”.
O concelleiro destacou tamén a colaboración coas federacións: “A coordinación coas federacións é clave para atraer campionatos oficiais. Lugo ofrece garantías organizativas e iso tradúcese en máis eventos e máis impacto económico”.
Así mesmo, incidiu na importancia das instalacións deportivas: “Temos unha rede de instalacións municipais preparada para acoller campionatos de alto nivel, e iso permítenos competir con outras cidades como sede”.
Bustos quixo tamén reforzar a idea central do impacto: “Cada un destes eventos implica desprazamentos, reservas en hoteis, consumo en restauración e actividade no comercio. Estamos a falar de milleiros de pernoitas que teñen un impacto directo no tecido económico local”.
O impacto económico directo deste calendario supera os 3,3 millóns de euros, aos que hai que engadir o efecto multiplicador que eleva o retorno total ata cifras próximas aos 3,7 millóns de euros.
“O noso obxectivo é seguir nesta liña, consolidando Lugo como sede de grandes campionatos que xeran riqueza, emprego e proxección para a cidade”, concluíu Jorge Bustos.
