Lugo consolídase como referente nacional no deporte de élite
Lugo lidera o ránking nacional de equipos de élite por millón de habitantes, superando a cidades como Melilla e San Sebastián.
O impacto económico do deporte en Lugo supón un incremento do 15 % no turismo e a xeración de máis de 500 empregos.
Jorge Bustos pon en valor o traballo dos clubs e o apoio do Concello para consolidar este liderado deportivo: “O esforzo dos clubs e o compromiso municipal fixeron posible que Lugo sexa un exemplo de éxito no deporte”.
- Tema
- Benestar social,
- Desenvolvemento social,
- Deportes,
- Desenvolvemento local

Lugo consolídase como un referente nacional no deporte de élite ao liderar o ránking de equipos por millón de habitantes, con 6 equipos nas máximas categorías nacionais. Este liderado sitúa a Lugo cunha proporción de 61,21 equipos/millón, moi por diante de Melilla (46,25) e San Sebastián (37,21). Ademais, Lugo ocupa o sexto lugar absoluto en número de equipos de élite en España, empatado con Sevilla, e superado por grandes cidades como Madrid, Barcelona ou Valencia.
“A nosa cidade é un modelo de como o traballo colectivo e o apoio institucional poden impulsar o deporte en todas as súa disciplinas. Este liderado demostra a capacidade de Lugo para converterse nun referente deportivo e social”, destacou Jorge Bustos, concelleiro de Deportes.
O ránking baseáse na avaliación de disciplinas recoñecidas como de élite polas súa máximas categorías nacionais, tanto masculinas como femininas. Entre as disciplinas avaliadas destacan o fútbol, que inclúe a Primeira, Segunda e Primeira Federación no caso masculino, e a Primeira e Segunda División no feminino. O baloncesto é outro dos pilares, con representantes en Primeira e Segunda División tanto masculina como feminina. Ademais, inclúense o fútbol sala, e o voleibol, onde os equipos masculinos e femininos compiten na Superliga.
Os 6 equipos lucenses que destacan neste ránking son o Club Deportivo Lugo (fútbol masculino, Primeira Federación), o Breogán (baloncesto masculino, Liga Endesa), o Ensino (baloncesto feminino, Liga Femenina Endesa), o Arenal Emevé (voleibol masculino e feminino, Superliga) e o ADC Lugo Sala (fútbol sala masculino, Segunda RFEF).
Jorge Bustos subliñou que “os datos son un reflexo do esforzo sostido do tecido asociativo, dos clubs e das federacións que traballan cada día por fomentar a práctica deportiva. Desde o Concello seguiremos apoiando estas entidades para que Lugo manteña esta posición privilexiada, tanto no ámbito deportivo como social.”
O impacto do deporte en Lugo vai máis alá do éxito deportivo. Os eventos das máximas categorías nacionais xeran un incremento do 15 % no turismo durante as competicións e contribúen á creación de máis de 500 postos de traballo directos e indirectos. Ademais, benefíciase de forma significativa a hostalería, o transporte e o comercio local.
“Queremos que Lugo continúe a ser un exemplo a seguir en toda España, cun modelo que combina pasión polo deporte, apoio institucional e impacto socioeconómico positivo. O noso compromiso é seguir investindo en infraestruturas e fomentando o talento local”, concluíu Bustos.
Deportistas e eventos destacados
Lugo destaca non só polos seus equipos de élite, senón tamén polos seus deportistas individuais e eventos que reforzan a súa proxección internacional. Entre eles, salienta Jorge Prado, o piloto lucense de motocross que logrou catro títulos mundiais: dous en MX2 (2018, 2019) e dous en MXGP (2023, 2024). O Circuito Municipal Jorge Prado acollerá o Gran Premio de España en 2025, consolidándose como unha cita imprescindible no calendario internacional tras o éxito da súa edición anterior, que xerou un impacto económico e turístico notable.
Outro exemplo é Adiaratou Iglesias, atleta paralímpica que se alzou coa medalla de ouro nos 100 m T13 nos Xogos de Toquio 2020, ademais de conseguir a prata nos 400 m. A súa traxectoria tamén inclúe participación en competicións non adaptadas, subliñando o carácter inclusivo do deporte lucense.
No piragüismo, Tania Fernández e Víctor Devesa brillan con medallas en mundiais e europeos. O Clube Fluvial e o Cidade de Lugo consolidan a súa posición como referentes nacionais nesta disciplina.
Ademais, o club Cidade de Lugo Fluvial destacou no triatlón ao gañar os campionatos nacionais por equipos masculino e feminino en 2024, reforzando a forza do deporte colectivo na cidade.
Con estas iniciativas e recoñecementos, Lugo consolida a súa posición como unha cidade que non só impulsa o deporte de élite, senón que tamén fomenta o talento local e a organización de eventos de proxección internacional.
Audio
- O edil Jorge Bustos, sobre Lugo e o referente do deporte de élite | Descargar mp3 [1]
