Lugo conmemora o 26 aniversario da Muralla Romana como Patrimonio da Humanidade cun programa de actos o 30 de novembro
O Concello de Lugo celebrará o vindeiro 30 de novembro o 26 aniversario da declaración da Muralla Romana como Patrimonio da Humanidade cunha programación que inclúe unha homenaxe infantil, a entrega dos premios do concurso de fotografía do Arde Lucus, unha conferencia de Ignacio López de Rego e un concerto dos grupos de cámara da Banda Municipal.
- Tema
- Cultura e Turismo
Venres, 27 de novembro de 2026
Fonte:
Gabinete de Prensa
A xornada comezará ás 12:00 horas, na Mosqueira, cunha homenaxe infantil á Muralla. O acto contará coa lectura dunha frase dedicada ao monumento por parte dunha persoa alumna de cada centro escolar participante.
Ás 12:30 horas, na planta baixa da Casa do Concello, terá lugar a entrega dos premios do concurso de fotografía do Arde Lucus. As imaxes premiadas permanecerán expostas neste espazo ata o 14 de decembro. Nalgunhas das fotografías, a Muralla Romana é tamén protagonista, reflectindo a súa presenza nunha das celebracións máis identitarias da cidade.
Pola tarde, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá dúas propostas. Ás 19:30 horas, terá lugar a conferencia de Ignacio López de Rego, arquitecto e director do equipo que elaborou os Estudos Previos do Plan Integral de Conservación e Restauración da Muralla ofrecerá unha conferencia sobre os "Avances no desenvolvemento do Plan de Conservación e Xestión da Muralla Romana de Lugo".
A programación rematará ás 20:30 horas cun concerto dos grupos de cámara da Banda Municipal de Música de Lugo, que protagonizarán a súa primeira actuación no novo auditorio. Participarán o grupo de cámara de clarinetes e fagot, o grupo de cámara de saxos e clarinete e o grupo de cámara de metais e percusión.
O concerto terá unha duración aproximada dunha hora e será de acceso gratuíto.
Baixo o lema «Pedra a pedra, paso a paso e día a día. Unha muralla de orgullo aberta ao mundo», Lugo conmemora así o aniversario da declaración do seu principal monumento como Patrimonio da Humanidade, cun programa que combina a participación escolar, a fotografía, a divulgación e a música.
Documento
- Programa | Descargar pdf [1]
