Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lugo acollerá un congreso de carácter internacional que reflexiona sobre as áreas máis envellecidas do mundo

Lugo acollerá un congreso de carácter internacional que reflexiona sobre as áreas máis envellecidas do mundo

Lara Méndez, Darío Campos e representantes da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría presentaron este foro, que reunirá na cidade a máis de 300 profesionais

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Sanidade
Martes, 01 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo acollerá un congreso de carácter internacional que reflexiona sobre as áreas máis envellecidas do mundo

A Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX) presentou esta mañá na Deputación de Lugo o seu XVIII Congreso que se vai celebrar no devandito Pazo de San Marcos os vindeiros 22 e 23 de abril. Un foro que por primeira vez na súa historia vai ter carácter internacional reunindo a máis de 300 profesionais de enorme prestixio de Galicia, España, Portugal, Paraguai ou Chile.

Todos eles van debater e expoñer os últimos retos, novidades e avances “non so no sector científico e médico, é dicir, xeriátrico” explicou o presidente da SGXX, Miguel Ángel Vázquez, senón tamén, matizou “no ámbito sociolóxico, social, persoal como é a xerontoloxía”. Un evento que, “por primeira vez é de carácter internacional” salientou, “para darlle pulo aos avances, experiencias, contidos e novidades máis relevantes que se producen en Galicia no labor das persoas maiores, tendo en conta que falamos dunha das comunidades máis envellecidas do mundo, con áreas xeográficas de Lugo e Ourense con índices de envellecemento, do 24 ao 32 por cento, por enriba de Xapón, o país máis envellecido do mundo”.

De feito, engadiu o presidente da SGXX, “un dos obxectivos deste congreso é aproveitar a oportunidade científica, médica e social que representa para profesionais e as propias persoas maiores as que invitan a acudir e presentar as súas inquedanzas e, sobre todo, para traballar na procura dunha maior calidade de vida deste colectivo”.

Nese sentido Vázquez pediu “máis esforzo a os políticos e as entidades locais, autonómicas e estatais para que se entendan entre elas e fagan máis pola calidade de vida das persoas maiores” que, en Galicia, rematou, “son xa o 24 por cento da poboación”.

O presidente do Comité Organizador, Carlos Dosil, salientou que este é “un dos congresos máis importantes do seu ámbito que se vai celebrar en Galicia” no que esperan a presenza de máis de 300 profesionais do sector e que conta con máis de trinta poñentes de recoñecido prestixio internacional.

Todos eles presentarán en mesas e talleres científicos, médicos e sociais, os principais avances e novidades da xeriatría e a xerontoloxía que se está a desenvolver en Galicia, España e resto do mundo.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, felicitou á Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría pola organización de novo na cidade lucense deste congreso de ámbito internacional. Méndez subliñou a importancia de que un evento deste tipo se celebre en Lugo, dada a realidade social da cidade, na que o 20% da poboación é maior de 65 anos, mentres que os menores de 16 representan o 14%. Así mesmo, na actualidade o 7,3% das persoas maiores supera os 80 anos, o dobre que hai só dúas década e, por cada 100 persoas que entran en idade potencialmente activa, saen dela 200.

A tendencia ao envellecemento, destacou a rexedora, “supón, máis que un problema, un reto que temos que afrontar como sociedade, implantando medidas sociais e legais para aumentar a natalidade, manter o Estado do Benestar e situar ao colectivo da terceira idade como oportunidade e como un activo, non soamente como un demandante de recurso, aproveitando as súas habilidades e experiencias”. Lara Méndez avogou, como a OMS, polo “envellecemento activo” e por poñer a disposición dos maiores “os mellores servizos”.

Neste senso, a Alcaldesa garantiu que o Concello de Lugo “seguirá reivindicando a creación de novas prazas públicas de residencia na cidade, onde non se crea ningunha dende os anos 70, a pesar de que as cifras falan por si soas e a demanda é tremenda”. “Esixiremos que a Xunta cumpra tamén nisto coa cidade de Lugo, e non a discrimine unha vez máis, como estamos acostumados ultimamente”, asegurou.

O Presidente da Deputación, Darío Campos, felicitou á Sociedade Galega de Xerontoloxía pola organización dunha nova edición deste congreso, e agradeceulle, especialmente, o feito de que un ano máis elixise Lugo para a súa celebración. “Isto suporá que a nosa provincia reúna a máis de 300 persoas para participar nas poñencias de destacados profesionais do sector a nivel internacional, pois proceden de toda España, doutros países europeos como por exemplo Francia, e ata de Chile ou Paraguai”, salientou.

Darío Campos subliñou que “aposto pola cooperación entre administracións e colectivos de profesionais para, conxuntamente, ofrecer respostas ás necesidades dos veciños. Nunha provincia como a de Lugo, que é unha das rexións máis envellecidas xa non só de España, senón tamén de Europa, esta cooperación pasa polo impulso do benestar. Baixo esta premisa, na Deputación de Lugo estamos a crear unha rede pública de residencias e centros de día en Concellos lucenses, na que levamos investido en solitario máis de 12 millóns de euros de fondos provinciais”.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lugo-acollera-un-congreso-de-caracter-internacional-que-reflexiona-sobre-areas-mais