Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lugo acollerá no verán de 2017 a duodécima edición dos Xogos do Eixo Atlántico, que reunirán na cidade a unhas 5.000 persoas

Lugo acollerá no verán de 2017 a duodécima edición dos Xogos do Eixo Atlántico, que reunirán na cidade a unhas 5.000 persoas

A Alcaldesa puxo en valor o significado de acoller este evento trasfronteirizo, que supón un importante pulo “de cara á promoción da cidade, á busca de cohesión territorial e á dinamización da zona máis interior da Eurorrexión”

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Promoción turística,
    • Deportes,
    • Desenvolvemento local,
    • Desenvolvemento económico
Xoves, 21 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo acollerá no verán de 2017 a duodécima edición dos Xogos do Eixo Atlántico, que reunirán na cidade a unhas 5.000 persoas

Lugo acollerá no verán de 2017, concretamente en xullo, a duodécima edición dos Xogos do Eixo Atlántico Noroeste Peninsular, que reunirá na cidade a unhas 5.000 persoas. Así o anunciou este xoves a Alcaldesa, Lara Méndez, tras participar na comisión executiva do Eixo Atlántico, que se reuniu hoxe na localidade lusa de Viana do Castelo.

A rexedora anunciou que a candidatura da provincia luguesa, liderada por Lugo e da que forman parte os concellos de Sarria e Monforte, gañou entre un total de 5 propostas, co apoio maioritario polos membros da comisión. Trátase dun evento que está dirixido á promoción do deporte e á convivencia entre os máis novos, posto que reúne a rapaces e rapazas deportistas de máis de 30 localidades de Galicia e do Norte de Portugal, para disputar campionatos de fútbol, balonmán, baloncesto, voleibol, ximnasia rítmica, atletismo e atletismo adaptado, e natación e natación adaptada, ao tempo que se mellora o coñecemento entre os cidadáns das dúas rexións.

Para a Alcaldesa acoller este evento trasfronteirizo supón un importante pulo para Lugo “de cara á promoción da nosa cidade, á busca de cohesión territorial e á dinamización da zona interior da Eurorrexión”.

“Lugo é sen dúbida algunha unha cidade volcada co deporte e cos valores que inculca a súa práctica, unha cidade que apoia o deporte de elite pero que tamén coida o deporte de base”, subliñou a rexedora, quen fixo fincapé no deporte como unha ferramenta de cohesión social. “Confío nos recursos da cidade para acoller os Xogos do Eixo e para garantir a atención deportiva merecida aos 2.000 particpantes, o que contribuirá notablemente na proxeción nacional e internacional que quero e busco para a cidade”, asegurou a Alcaldesa. 


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lugo-acollera-no-veran-de-2017-duodecima-edicion-dos-xogos-do-eixo-atlantico-que-reuniran-na