Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lugo acollerá este mércores a asemblea xeral do Eixo Atlántico

Lugo acollerá este mércores a asemblea xeral do Eixo Atlántico

Inaugurarase tamén unha exposición conmemorativa con motivo dos 25 anos da creación desta entidade, na Praza Maior

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Desenvolvemento local
Luns, 13 de febreiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular celebrará a súa asemblea xeral o vindeiro mércores, 15 de febreiro, no Museo Interactivo da Historia de Lugo. A asemblea estará presidida polo Alcalde de Viana do Castelo, José Mª Costa, e contará coa participación do presidente do Eixo Atlántico, Ricardo Río, o vicepresidente, Alfredo García; e o secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, así como representantes das 38 cidades e entidades que integran o Eixo.

Esta asemblea terá lugar coincidindo co 25 aniversario da creación do Eixo Atlántico, motivo polo cal tamén está prevista a inauguración dunha exposición conmemorativa na Praza Maior de Lugo. Trátase dunha instalación composta por 36 lonas articuladas en forma de cubos onde se fai un percorrido pola historia do Eixo e os seus grandes fitos de cooperación transfronteiriza e vertebración do sistema urbano.

A asemblea dará comezo ás 10:30 horas coa benvida da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen fará de anfitrioa. Posteriormente, a orde do día continuará coa aprobación do balance de xestión, do informe económico, así como do programa ou o orzamento para este ano 2017, entre outros asuntos. Sobre as 13:30 horas está prevista a clausura da asemblea, coa asistencia do secretario de Estado de Infraestruturas, Julio Gómez Pomar.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lugo-acollera-este-mercores-asemblea-xeral-do-eixo-atlantico