Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lugo acollerá esta fin de semana dous partidos amigables das seleccións galega e catalá absolutas de fútbol sala

Lugo acollerá esta fin de semana dous partidos amigables das seleccións galega e catalá absolutas de fútbol sala

A alcaldesa, Elena Candia, participou na presentación dunha cita que reunirá no Municipal de Lugo ás seleccións masculinas e femininas de Galicia e Cataluña

  • Tema
    • Deportes
Martes, 30 de xuño de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo acollerá esta fin de semana dous partidos amigables das seleccións galega e catalá absolutas de fútbol sala
O salón de plenos do Concello de Lugo acolleu esta mañá a presentación oficial dos partidos amigables que disputarán esta fin de semana as seleccións galega e catalá absolutas de fútbol sala, unha cita que converterá a cidade nun novo escaparate para este deporte.
 
No acto participaron a alcaldesa de Lugo, Elena Candia; o concelleiro de Cultura, Javier Vázquez; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Manolo Cadramón; e o director deportivo de fútbol sala da Real Federación Galega de Fútbol, Iván Pico.
 
O primeiro encontro disputarase o venres ás 20.30 horas no Pavillón Municipal de Lugo e enfrontará ás seleccións absolutas masculinas de Galicia e Cataluña. A segunda cita terá lugar o sábado 4 de xullo ás 11.30 horas, tamén no Municipal, co partido entre as seleccións absolutas femininas das dúas comunidades.
 
Durante a presentación, Elena Candia destacou a importancia de que Lugo continúe acollendo eventos deportivos deste nivel, que permiten achegar o deporte de elite á cidadanía e reforzan a actividade deportiva da cidade e animou aos afeccionados ao fútbol sala e á veciñanza a asistir a estes encontros, que servirán tamén para promocionar este deporte e seguir consolidando Lugo como sede habitual de competicións e eventos deportivos de primeiro nivel.

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lugo-acollera-esta-fin-de-semana-dous-partidos-amigables-das-seleccions-galega-e-catala