Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lugo acolle o Foro de Comunicación e Xuventude do Colexio Profesional de Xornalistas en colaboración co Concello

Lugo acolle o Foro de Comunicación e Xuventude do Colexio Profesional de Xornalistas en colaboración co Concello

  • Tema
    • Igualdade
Martes, 13 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O vindeiro 22 de febreiro Lugo acollerá no salón de actos do Centro social Uxío Novoneyra o Foro Internacional de Comunicación e Xuventude que organiza o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Observatorio Galego dos Medios en colaboración co Concello de Lugo. Está xornada está encadrada dentro do Seminario Permanente de Comunicación, Cidadanía e Xornalismo Social que programa catro conferencias temáticas nas cidades cabeceira das catro provincias galegas.

Este seminario pretende proporcionar aos profesionais da comunicación, estudantes e público en xeral un foro aberto de opinión e estudo sobre diferentes temas sociais. Pontevedra e A Coruña acolleron debates sobre Xénero e Discapacidade respectivamente; a Lugo tocaralle abordar a realidade da mocidade galega dende a perspectiva dos medios de comunicación.

O prazo de inscrición para asistir a xornada está aberto dende hoxe e rematará o día 22 de febreiro. Para formalizar a solicitude pódese realizar a través da páxina web www.observatoriodosmedios.org [1] ou cubrindo o formulario que está a disposición na Casa Consistorial. Debe dirixirse cuberto ao Observatorio Galego dos Medios situado na rúa San Pedro de Mezonzo, 48-1ºC en Santiago de Compostela.

Dende o pasado día 15 o foro de participación virtual está aberto e convida a un encontro internacional para a análise, crítica e discusión dos temas que máis afectan á xuventude: dende a esfera comunicativa, a representación da mocidade nos medios de comunicación, os conflitos xeracionais ou a educación, entre outros. Este complexo debate está aberto na web: www.observatoriodosmedios.org [1]

A xornada do día 22 oferta un completo programa no que participan profesionais de referencia e remata coa exposición das conclusións do foro virtual. O acto de clausura contará coa presenza da Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo e do Director Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.

Máis información no Observatorio Galego dos Medios: teléfono 981 936 709 ou na páxina web www.observatoriodosmedios.org [1]


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lugo-acolle-o-foro-de-comunicacion-e-xuventude-do-colexio-profesional-de-xornalistas-en

Ligazóns:
[1] http://www.observatoriodosmedios.org/