Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lugo acolle este sábado os Xogos de Baloncesto Special Olympics coa participación de 153 deportistas con discapacidade intelectual

Lugo acolle este sábado os Xogos de Baloncesto Special Olympics coa participación de 153 deportistas con discapacidade intelectual

O concelleiro de Deportes, Mauricio Repetto, destaca o cariño con que a cidade volve a acoller esta competición, “tan importante para a integración e a igualdade”.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Desenvolvemento social,
    • Deportes,
    • Desenvolvemento local,
    • Igualdade,
    • Accesibilidade,
    • Inclusión
Xoves, 03 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo acolle este sábado os Xogos de Baloncesto Special Olympics coa participación de 153 deportistas con discapacidade intelectual

O concelleiro de Deportes e Xuventude de Lugo, Mauricio Repetto, presentou hoxe os XXVI Xogos Autonómicos de Baloncesto ‘Special Olympics Galicia’ para persoas con discapacidade intelectual, que se celebrarán este sábado, 5 de novembro, nas instalacións municipais do Polideportivo de Frigsa (instalación principal) e o Palomar.

O edil destacou o cariño con que a cidade acolle un ano máis este evento, “tan importante porque o deporte é unha magnifica oportunidade de integración e para a incorporación das persoas con discapacidade á sociedade de forma activa, pero ademais a súa práctica habitual inflúe no desenvolvemento persoal e mellora a calidade de vida e da saúde”

O encontro contará coa participación de 153 deportistas de 13 asociacións, dos que máis do 50% son da provincia de Lugo, e 35 adestradores. A inauguración será ás 10.30 horas.

Na presentación destas probas tamén estiveron presentes Eladio Fernández Pérez, presidente de Special Olympics Galicia, Efrén Castro, deputado de Deportes, e Manuel Otero Méndez, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta. Además, acudiron, por parte do Centro San Vicente de Paúl, os deportistas Lorena Dacosta e José Marcos; o seu presidente, Juan José López, e a educadora social, Ana Toubes.

Mauricio Repetto agradeceu á organización deste evento “por permitirnos colaborar un ano máis con estes xogos porque cremos que é fundamental que a cidadanía teña como referente non só ao deporte de elite e á alta competición, senón ao deporte de base e o inclusivo, e estes xogos son o mellor exemplo de que con ganas e esforzo se poden superar todas as barreiras”.

Repetto tamén apuntou que “o deporte aporta un plus especial para as persoas con discapacidade, xa que non só é adestrar e mellorar as súas condicións físicas senón que é avanzar enormemente na autoestima, a integración social e a visibilidade das discapacidades, o que nos permite seguir sumando e dando pasos importantes en favor da igualdade”.

Special Olympics Galicia

É unha Asociación de Pais, Profesionais e Amigos de persoas con discapacidade intelectual que traballan para promover a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual a través do deporte, o lecer, a cultura e o voluntariado.

O obxectivo é fomentar as capacidades persoais de cada participante, potenciando características como a iniciativa, o liderado, a cooperación, o valor e o  autodominio, o que se traduce nunha mellora da confianza e amor propio da persoas con discapacidade intelectual.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lugo-acolle-este-sabado-os-xogos-de-baloncesto-special-olympics-coa-participacion-de-153