Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > LuceLugo incorpora unha nova máquina de vapor de alta presión que intensificará a limpeza de rúas e eliminará pintadas e chicles

LuceLugo incorpora unha nova máquina de vapor de alta presión que intensificará a limpeza de rúas e eliminará pintadas e chicles

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou a maquinaria que optimizará o aseo da cidade e do mobiliario cunha tecnoloxía patentada sen necesidade de produtos químicos.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Desenvolvemento social,
    • Desenvolvemento local,
    • Servizos xerais,
    • Novas tecnoloxías,
    • Urbanismo
Luns, 20 de febreiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
LuceLugo incorpora unha nova máquina de vapor de alta presión que intensificará a limpeza de rúas e eliminará pintadas e chicles

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, presentou hoxe unha nova máquina de vapor que incorporará o servizo de limpeza e recollida de residuos da cidade, LuceLugo, para mellorar e incrementar a limpeza viaria e do mobiliario urbano. “Trátase dunha máquina autónoma que traballa con auga quente e fría segundo a superficie, que intensificará as actuais labores de aseo de Lugo tanto nas rúas como en todo o mobiliario urbano”, subliñou a rexedora.

Lara Méndez explicou que conta cunha tecnoloxía patentada especial de vapor a alta presión –250 bares– con 2 caldeiras. Neste senso, ten a capacidade de desenvolver unha profunda limpeza das rúas e de eliminar múltiples elementos como pintadas, chicles e residuos de animais; alcatrán, pegamento, resina e cola; carteis, adhesivos ou verniz; xiz, rotuladores, lapis e bolígrafos; algas, mofo, cal, sal e silicona; cera de velas despois de procesións; manchas negras de pneumáticos de coches, carretillas ou camións; manchas de bebidas, comidas, restos de mercadillos; gasoil, aceite e graxa, po de freos ou feluxe; malas herbas, musgo ou fungos, entre outros.

“Coa incorporación desta máquina seguimos mellorando as prestacións do servizo para intensificar a limpeza da cidade, dotándonos de ferramentas e tecnoloxía punteira para que Lugo luza a súa mellor imaxe”, engadiu a alcaldesa.

En comparación con outras máquinas, ofrece un 25% máis de presión en vapor (ata 250 Bar), un 35% máis de volume de vapor 17400L/min e un 35% máis de rendemento na man de obra, cun aforro do 65% de auga. Así mesmo, permitirá un aforro aproximado dun 93% de produtos químicos e terá capacidade para eliminar ata 2.400 chicles por hora.

“O feito de empregar vapor a alta temperatura permite eliminar pintadas sen necesidade de empregar produtos químicos” apuntou o edil de Medio Ambiente, quen subliñou que “tamén sirve para limpar o verdín das pedras, entre outros múltiples usos”.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Vaporjet | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lucelugo-incorpora-unha-nova-maquina-de-vapor-de-alta-presion-que-intensificara-limpeza-de

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/200223_lara_mendez.-_vaporjet.mp3