Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lara Méndez traslada ao Club Baloncesto Breogán os parabéns de toda a cidadanía lucense polo seu ascenso á liga ACB

Lara Méndez traslada ao Club Baloncesto Breogán os parabéns de toda a cidadanía lucense polo seu ascenso á liga ACB

A recepción oficial ao equipo lucense tivo lugar esta tarde no Concello e estivo  presidida pola alcaldesa.

Xogadores e equipo técnico saudaron dende o balcón da Casa Consistorial ás e aos afeccionados que acudiron á Praza Maior para felicitalos pola xesta.

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Axenda institucional,
    • Xestión cultural,
    • Deportes
Martes, 22 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez traslada ao Club Baloncesto Breogán os parabéns de toda a cidadanía lucense polo seu ascenso á liga ACB

A alcaldesa Lugo, Lara Méndez, ofreceu hoxe unha recepción oficial ao Club Baloncesto Breogán para trasladarlle a todo o equipo os parabéns da cidadanía polo seu ascenso á Liga ACB.

Ante os centenares de seguidores que se achegaron á praza Maior, a rexedora, acompañada polo edil de Deportes, Mauricio Repetto e polos portavoces da Corporación Municipal, a rexedora felicitou a directivos, técnicos e xogadores e alabou o traballo realizado durante toda a tempada para acadar o salto á máxima categoría do baloncesto español.

“É un orgullo para a cidade contar cun equipo loitador como o Breogán e poder dicir que todo o esforzo realizado durante tantos meses, e nunhas circunstancias ademais tan complexas, ten agora o seu recoñecemento. Un logro que as e os lucenses recibimos con moita satisfacción, porque é a compensación a unha entrega, un labor conxunto e un sentimento que tamén nos define e nos une como lucenses e que fará, ademais,  que que o nome da nosa cidade resoe agora con máis forza en todo o país”, afirmou a rexedora.

Lara Méndez aproveitou a recepción para amosar o apoio do Concello non só ao deporte de élite, senón tamén ao de base e pediulle aos xogadores do primeiro equipo que non esquezan que eles son espello da mocidade lucense, “cando a rapazada ve a camiseta do Breogán, tan ben defendida, o que atopan é un modelo a seguir e uns valores de superación que son os que vos permitiron camiñar toda a tempada con paso forte e decidido ata chegar á meta acadada onte”.

A modo de recordo, a alcaldesa entregou ao presidente do equipo, xogadores e corpo técnico un pin de plata da Muralla, así como un libro sobre o patrimonio bimilenario lucense.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, traslada ao Club Baloncesto Breogán os parabéns de toda a cidadanía lucense polo seu ascenso á liga ACB | Descargar mp3 [1]
  • O presidente do Club Baloncesto Breogán, José Antonio Caneda Goyanes, traslada ao Club Baloncesto Breogán os parabéns de toda a cidadanía lucense polo seu ascenso á liga ACB | Descargar mp3 [2]

 


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lara-mendez-traslada-ao-club-baloncesto-breogan-os-parabens-de-toda-cidadania-lucense-polo-seu

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/210621_lara_mendez_traslada_ao_club_baloncesto_breogan_os_parabens_de_toda_a_cidadania_lucense_polo_seu_ascenso_a_liga_acb_-_lara_mendez.mp3
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/210621_lara_mendez_traslada_ao_club_baloncesto_breogan_os_parabens_de_toda_a_cidadania_lucense_polo_seu_ascenso_a_liga_acb_-_presidente_breogan.mp3