Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lara Méndez trae á Praza de Santa María un tobogán xigante, semellante a unha estación de esquí, como parte da animación do Nadal

Lara Méndez trae á Praza de Santa María un tobogán xigante, semellante a unha estación de esquí, como parte da animación do Nadal

A instalación, que se inaugura este xoves ás 20:30 horas, terá dúas pistas de 22 metros de lonxitude e unha pendente cunha altura de 6m

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Cultura e Turismo,
    • Programación cultural
Mércores, 18 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez trae á Praza de Santa María un tobogán xigante, semellante a unha estación de esquí, como parte da animación do Nadal

22 metros de lonxitude e 6 de altura en pendente. Son as dimensións que garanten que, este Nadal, teñamos en Lugo diversión por un tubo.

A Praza de Santa María acollerá dende este xoves, ás 20:30 horas, un snow tubing. Unha novidosa atracción que, sen saír do Casco Histórico, trasladará á veciñanza a unha estación de esquí permitíndolle gozar da mesma sensación que a de esvarar pola neve.

“Trátase dunha instalación, primeiramente moi segura, que está construída cun pavimento especial pero escorregadizo o que propicia coller gran velocidade seguindo o trazado do circuíto. Cunha anchura de catro metros, que facilita unha baixada cómoda, sobre flotadores circulares, ofrece dúas pistas que, estamos seguros, farán as delicias das nenas e nenos e, tamén, dos non tan cativos”, explica a alcaldesa.

Lara Méndez indicou que este súper tobogán funcionará de forma continuada dende o venres, día 20, e ata o 7 de xaneiro incluído, en horario de 12 da mañá a 8 da tarde en Noiteboa e Fin de Ano, e ata ás dez da noite o resto dos días.

“Contaremos en todo momento coa presenza de monitores que axudarán aos usuarios e lles darán as indicacións precisas para poder baixar adecuadamente, dunha forma controlada. A actividade en si mesma non plantexa ningún tipo de dificultade e, ademais de  gratuíta é apta para todos os públicos polo que convidamos non só á rapazada senón ás familias enteiras a aproveitar esta ocasión e animarse a probala. Pasarán un rato emocionante e moi divertido”, animou a rexedora.

Con esta iniciativa, a alcaldesa, Lara Méndez, pretende poñer ao Concello de Lugo na vangarda do ocio, apostando por outras formas de entretemento, modernas e sorprendentes, que posibiliten ás persoas de todas as idades compartir momentos especiais nestas datas. Unha proposta que se suma ao resto da programación elaborada dende as áreas de Benestar, Muller e Xuventude e tamén Cultura, dirixida a tódolos públicos e tendo en conta todos os gustos co afán de ser o máis completa e diversa posible.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o tobogán xigante, na Praza de Santa María | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lara-mendez-trae-praza-de-santa-maria-un-tobogan-xigante-semellante-unha-estacion-de-esqui

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/181219_lara_mendez_-_super_tobogan.mp3