Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lara Méndez supervisa o inicio das obras de restauración e musealización da cloaca romana para impulsar a súa divulgación

Lara Méndez supervisa o inicio das obras de restauración e musealización da cloaca romana para impulsar a súa divulgación

Unha vez finalizada a actuación que impulsa Alcaldía con fondos europeos e que ten un prazo de execución de oito meses, esta infraestrutura, de hai 1.700 anos, será visitable.

Esta obra avanza cara o firme obxectivo da rexedora lucense de converter a Lugo no epicentro cultural do pasado romano de Galicia e do noroeste peninsular.

A rexedora confía en que este avance supoña un acicate para que a Xunta axude a impulsar o Museo da Romanización en San Fernando.

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Museos e exposicións,
    • Infraestruturas,
    • Urbanismo
Xoves, 04 de agosto de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez supervisa o inicio das obras de restauración e musealización da cloaca romana para impulsar a súa divulgación

A Alcaldesa de Lugo supervisou hoxe o inicio das obras de recuperación, restauración e musealización da cloaca romana situada no semisoto da Sala de Exposicións Porta Miñá, no barrio do Carme, infraestrutura descuberta en 1994 nunha intervención dirixida desde o Servizo de Arqueoloxía do Concello de Lugo e que Lara Méndez busca agora que sexa visitable por toda a cidadanía.

A rexedora, que estivo acompañada polo voceiro municipal, Miguel Fernández, e o arqueólogo municipal, Enrique González, apuntou que o obxectivo é que tanto a veciñanza lucense como os turistas e visitantes poidan realizar “unha viaxe ao mundo soterrado da cidade romana de hai 1.700 anos, coñecendo a cloaca romana orixinal en bo estado e na súa localización real”.

Para iso, a actuación incluirá a obra civil e arquitectónica de adecuación do espazo para que poida ser visitable e accesible, así como unha escavación máis profunda para un mellor estudo dos achados arqueolóxicos co fin da súa restauración e consolidación. Para facilitar a súa interpretación e contextualización no cliclo da auga da época romana, a execución incluirá o equipamento museográfico.

Os traballos, que se enmarcan no impulso da Alcaldía para recuperar o pasado romano da cidade a pesar de non ser unha competencia municipal, terán unha duración de oito meses e un custe de 398.725 euros. Para desenvolvela, Méndez incluíu o seu financiamento na estratexia DUSI Muramiñae, financiada polos fondos europeos Feder nun 80%.

Desta maneira, apuntou rexedora, “non só fomentamos a recuperación dun barrio emblemático como o Carmen, tamén seguimos coa nosa aposta por seguir investigando o noso pasado, protexer e difundir o noso patrimonio e reforzar a oferta turística sostible e de calidade co firme propósito de converter a Lugo no epicentro cultural do pasado romano de Galicia e do noroeste peninsular”.

Neste sentido, insistiu na necesidade de que a Xunta, que ten as competencias propias de protección do patrimonio, “se sume ao Concello impulsando a rehabilitación do museo da Romanización de Galicia no Cuartel de San Fernando, compromiso que adquiriu pero aínda non cumpriu”.

A construción da mesma dátase a partir de mediados do século IV, grazas a unha moeda acuñada entre 341-346 d.C. que foi achada na gabia de cimentación. Discorría baixo o decumanus maximus, encaixada nunha gabia escavada na roca natural.

Para a súa construción aproveitouse a pendente do terreo que facilitaba a drenaxe e a evacuación das augas residuais deste sector da cidade cara ao Rego dos Hortos para desembocar, finalmente, no río Miño.

O solar e a estrutura da cloaca están escavados case na súa totalidade (excepto o interior da infraestrutura romana). En concreto, o solar foi escavado no ano 1994 nunha intervención dirixida desde o Servizo de Arqueoloxía do Concello de Lugo. Nesta actuación documentouse esta gran cloaca duns 13 metros de largo, unha anchura exterior de 1,5 metros e un desnivel de case o 7%.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a Cloaca Romana de Lugo | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lara-mendez-supervisa-o-inicio-das-obras-de-restauracion-e-musealizacion-da-cloaca-romana-para

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/040822_lara_mendez.-_cloaca_romana.mp3