Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lara Méndez recupera o Mapa da Península Ibérica do Parque de Rosalía co que moitas xeracións de lucenses aprenderon xeografía

Lara Méndez recupera o Mapa da Península Ibérica do Parque de Rosalía co que moitas xeracións de lucenses aprenderon xeografía

A rexedora, Lara Méndez, e o edil de Medio Ambiente supervisaban hoxe a posta en funcionamento da instalación que disporá de luces led e circuíto de auga en activo.

A actuación enmárcase dentro do Plan de Mellora deseñado polo Concello para acondicionalo, coincidindo coa celebración do seu centenario no mes de xullo.

  • Tema
    • Medio ambiente
Venres, 28 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez recupera o Mapa da Península Ibérica do Parque de Rosalía co que moitas xeracións de lucenses aprenderon xeografía

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, acompañada polo edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández supervisou esta mañá a posta en funcionamento do Mapa da Península Ibérica do Parque Rosalía de Castro, logo de que a instalación permanecera inactiva durante moitos anos.

A alcaldesa explicou que, “dende hoxe, este pequeno pero destacado espazo do parque recuperará o seu cometido pedagóxico e cultural, xa que este mapa non só ten un valor didáctico senón tamén emocional ao ser aquí onde moitas xeracións de lucenses adquiriron e reforzaron os seus coñecementos de xeografía”.

Lara Méndez deu conta, tamén, do funcionamento do mesmo que sinalizará con luz led branca as capitais de provincia e Lisboa e de cor vermella os 14 faros que contén, dispoñendo, alén, dun circuíto de auga plenamente operativo para situar o leito dos ríos do país.

A alcaldesa subliñou a importancia histórica deste mapa cartográfico, que data de 1928.

“Foi o presidente do directorio militar, Miguel Primo de Rivera quen propuxo a súa coloación cando o alcalde da época, Ángel López Pérez, o levou no seu propio automóbil a visitar o Parque. Dese paseo xurdiu o acordo, ratificado logo o 24 de xuño de 1929, para adquirir á casa Hypzos, este mapa, realizado a escala 1:250.000 - e cunhas dimensións aproximadas de 4’90 metros de Leste a Oeste e de 3’60 m de Norte a Sur -, que tivo un custo económico para o Concello de 11.650 pesetas”, explicou a rexedora.

A actuación enmárcase dentro do plan de melloras e de acondicionamento intensivo que o executivo de Lara Méndez está a levar a cabo no parque Rosalía de Castro para conmemorar o seu centenario o vindeiro 2 de xullo.

“Unha zona verde emblemática da capital, que queremos poñer en valor para dignificar os fortes lazos identitarios e afectivos que nos unen con ela”, recoñeceu Méndez.

Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, indicou que, entre as intervencións previstas figuran as executadas dentro do I Plan Municipal Sociolaboral Muramiñae Rehabilita, cofinanciado con fondos FEDER, “co que se recuperaron os máis de 200 bancos de madeira, así como tamén o pintado dos 92 farois, a reposición de azulexos, a limpeza da pedra e das estatuas, a pintura nas zonas que o necesiten, o arranxo de bordos e alcorques rotos, o cambio de papeleiras e o mellor acondicionamento da área infantil. Melloras todas elas que reverterán no atractivo e confort que o parque lucense de referencia ofrece a veciñanza e visitantes”, concluíu o edil.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre o Mapa da Península Ibérica do Parque de Rosalía | Descargar mp3 [1]

Vídeo

  • Vídeo do Mapa da Península Ibérica | Descargar mp4 [2]
 

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lara-mendez-recupera-o-mapa-da-peninsula-iberica-do-parque-de-rosalia-co-que-moitas-xeracions

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/280521_miguel_fernandez_-_posta_en_funcionamento_do_mapa_da_peninsula_iberica.mp3
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/280521_Video_do_Mapa_da_Peninsula_Iberica_en_funcionamento.mp4