Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lara Méndez propón homenaxear aos alcaldes lucenses da etapa democrática coa Medalla de Ouro do Concello de Lugo

Lara Méndez propón homenaxear aos alcaldes lucenses da etapa democrática coa Medalla de Ouro do Concello de Lugo

A rexedora outorgará o próximo 30 de novembro a máxima distinción que recoñece a Administración local a Xosé Novo Freire, Vicente Quiroga Rodríguez, Tomás Notario Vacas, Joaquín María García Díez e Xosé Clemente López Orozco.

  • Tema
    • Alcaldía
Venres, 25 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, convocaba esta mañá unha Xunta de Portavoces extraordinaria para propoñer ao resto dos grupos da Corporación o recoñecemento aos alcaldes da democracia que tivo o Concello outorgándolles a Medalla de Ouro da Cidade.

“Este ano no que celebramos o 40 aniversario da chegada da Democracia ao noso país, o Pleno do Concello de Lugo quere recoñecer a labor dos alcaldes que estiveron ao fronte do Consistorio desde que en abril de 1979 os votos das e dos lucenses impulsaron unha nova etapa de apertura, liberdade e modernización, unha nova etapa de esperanza tras preto de corenta anos de ditadura franquista”, enxalzou Lara Méndez.

Deste xeito, a rexedora solicitará no próximo Pleno a adopción do acordo de conceder a Medalla de Ouro da Cidade aos alcaldes Xosé Novo Freire, Vicente Quiroga Rodríguez, Tomás Notario Vacas, Joaquín María García Díez e Xosé Clemente López Orozco. A proposta foi aceptada por unanimidade xa na Xunta de Portavoces.

“O paso de cada un destes representantes lexítimos do pobo de Lugo pola Casa do Concello axudou non só a consolidar o modelo e os principios democráticos instaurados senón que co seu compromiso político e persoal impulsaron a transformación do noso municipio”, engadiu Lara Méndez-

“Se a rúa entrou nas institucións a través das primeiras corporacións locais, o traballo e esforzo dos distintos alcaldes e equipos de Goberno contribuíu a mellorar a nosa realidade socioeconómica e a configurar o Lugo de progreso que hoxe coñecemos, marcado pola concordia e a convivencia. Por iso cremos necesario lembrar que o recoñecemento dos Gobernos Locais como parte da organización democrática, en pé de igualdade coas Comunidades Autónomas, é o punto de partida dun dereito, o da autonomía local, que a propia Constitución garante de maneira expresa no artigo 140 ao dicir que a Constitución garante a autonomía dos municipios, referiu Lara Méndez.

A alcaldesa lembrou que a Medalla de Ouro de Lugo é a máxima distinción que o Concello outorga aos seus cidadáns, por iso, o regulamento da súa concesión fixa que deben recaer  en “persoas que teñen atribuídos méritos verdadeiramente extraordinarios”, o que así se pode considerar na figura dos alcaldes da Democracia xa que o deseño do Lugo que hoxe vivimos e gozamos levan o selo dos seus mandatos desde a máxima responsabilidade, a tolerancia, o compromiso, o benestar e o progreso”.

Audio

  • Lara Méndez, sobre as "Medallas de Ouro" do Concello de Lugo | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lara-mendez-propon-homenaxear-aos-alcaldes-lucenses-da-etapa-democratica-coa-medalla-de-ouro

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/251019_lara_mendez_-_medalla_de_ouro_alcaldes_da_democracia.mp3