Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lara Méndez pon a disposición das familias lucenses o parque infantil de Río Mandeo, totalmente renovado

Lara Méndez pon a disposición das familias lucenses o parque infantil de Río Mandeo, totalmente renovado

A alcaldesa de Lugo e o concelleiro de Medio Ambiente comprobaron o estado final dos traballos antes de proceder á apertura do recinto.

Entre as melloras acometidas figura a colocación dun firme de caucho, máis seguro e cómodo, con xogos incorporados no propio pavimento.

A rexedora avanza así no Plan Integral de Reforma dos Parques da cidade, logo das actuacións acometidas en San Roque e na Avenida das Américas e que proximamente se levará á Fonte dos Ranchos.

  • Tema
    • Infancia,
    • Educación,
    • Infraestruturas,
    • Urbanismo
Xoves, 16 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez pon a disposición das familias lucenses o parque infantil de Río Mandeo, totalmente renovado

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, e o tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, puxeron hoxe a disposición das familias lucenses o parque infantil de Río Mandeo, totalmente renovado.

A alcaldesa e o edil supervisaron o estado final dos traballos antes de proceder á apertura ao público do recinto, que foi modernizado no seu conxunto para incrementar a súa versatilidade e atractivo.

Ademais da instalación de novos elementos de xogo, integradores e accesibles, estes se introduciron xa no propio pavimento coa substitución do firme anterior por outro de caucho, máis colorista, duradeiro e confortable. “Incrementamos así a seguridade de toda a área, na que se renovou, alén, o peche perimetral de madeira, en prol de incrementar a protección das crianzas e facilitar a súa vixilancia dunha maneira cómoda para todas as persoas usuarias”, aclarou Lara Méndez.

A rexedora afirmou que a intervención pretende dar resposta ás demandas trasladadas pola veciñanza da zona, “avanzando así na materialización do Plan Integral de Reforma dos Parques Infantís da cidade e a través do cal melloramos xa as dotacións doutros barrios como a Avenida das Américas ou San Roque, que nos próximos días xa quedará habilitada definitivamente mentres desenvolvemos outros labores de acondicionamento dos xardíns para que toda a contorna luza igual de fermosa”, avanzou.

A este respecto, o responsable de Medio Ambiente recordou que este espazo, próximo á Porta de San Pedro, emulará un bosque de cabanas, con diferentes divertimentos para as e os máis pequenos da casa “que poderán dispoñer, ao carón do Centro Histórico, dun lugar de socialización privilexiado, no que as figuras e xogos colocados fomentarán, seguro, a súa curiosidade e aprendizaxe e contribuirán, alén, a potenciar a súa psicomotricidade dunha maneira lúdica, dentro do concepto de recintos innovadores que estamos a implantar no concello e que moi pronto chegarán tamén á Fonte dos Ranchos”, asegurou Miguel Fernández.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o parque infantil de Río Mandeo | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lara-mendez-pon-disposicion-das-familias-lucenses-o-parque-infantil-de-rio-mandeo-totalmente

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/160622_miguel_fernandez_-_parque_rio_mandeo.mp3