Lara Méndez participa nos actos con motivo do Día do Veciño 2021 que reuniu a un milleiro de persoas no Pazo de Feiras e Congresos
O programa do evento incluíu unha exposición, a celebración dun partido de fútbol, actuacións de música tradicional e de baile, así como a entrega dos premios V de Veciño.
- Tema
- Axenda institucional,
- Animación sociocultural

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este sábado no Día do Veciño 2021, organizado pola Federación de Asociacións de Veciños, unha das entidades máis numerosas de Galicia, que integra a máis de 200 asociacións que simbolizan tanto a realidade do Lugo urbano como do rural.
O evento, que regresou ao Pazo de Feiras e Congresos, logo de que o pasado ano non se puidera celebrar a causa da pandemia, tivo un formato reducido reunindo a máis dun milleiro de persoas, polas máis de 4.000 que participaron na última edición.
Lara Méndez lembrou que esta “é unha cita cunha identidade e un peso importante no calendario de eventos da cidade e da provincia, un punto de encontro que fortalece o movemento veciñal, reforza lazos entre os colectivos, así como de toda a poboación”.
O programa deu comezo entorno ás 10.30 h., e incluíu unha exposición das actividades levadas a cabo pola Federación de Veciños durante este ano, a celebración dun partido de fútbol entre veciños no Polvorín e actuacións de música tradicional, como a da ‘Asociación cultural Axóuxere de Roupar’. Ritmo Lugo realizou unha actuación de baile e para finalizar procedeuse á entrega das V do Veciño, premios cos que se homenaxea e se recoñece a labor de personalidades que destacaran pola súa colaboración co movemento veciñal.
Nesta edición, marcada pola pandemia, non puido celebrarse o xantar habitual, mais en substitución do mesmo os convidados recibiron unha cesta con productos con denominación de orixe e a camiseta do Día do Veciño.
+INFO
- 231021 Día do Veciño 2021 | Descargar pdf [1]