Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lara Méndez mantén unha reunión co escritor lucense Paco Martín, que dará nome ao novo centro social interxeracional da Piringalla

Lara Méndez mantén unha reunión co escritor lucense Paco Martín, que dará nome ao novo centro social interxeracional da Piringalla

A alcaldesa recibiu no Concello ao escritor, nado en Lugo, autor da obra Das Cousas de Ramón Lamote, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.

“Queremos que a súa traxectoria perdure no tempo”, subliñou a rexedora.

As obras do centro, que contan cun orzamento de 800.000 euros, atópanse moi avanzadas e a previsión e que poidan quedar rematadas no vindeiro mes de abril.

  • Tema
    • Centros sociais,
    • Cultura e Turismo,
    • Museos e exposicións
Venres, 05 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez mantén unha reunión co escritor lucense Paco Martín, que dará nome ao novo centro social interxeracional da Piringalla

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo unha reunión este venres co escritor lucense Paco Martín, que dará nome ao centro social e de convivencia da Piringalla, cuxas obras se atopan na fase final.

Lara Méndez subliñou que “Paco Martín é un dos escritores en lingua galega máis recoñecidos e apreciados polo público, unha persoa nobre e humilde, que marcou un fito na historia da literatura ao gañar por primeira vez cunha obra en galego, Das Cousas de Ramón Lamote, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil”.

“Con esta homenaxe queremos que a súa traxectoria perdure no tempo e que o seu legado sirva como referencia para os mozos e mozas lucenses que se están a iniciar no mundo literario ou teñen paixón pola literatura”, engadiu a rexedora.

As obras do centro social, ubicado no barrio da Piringalla, atópanse moi avanzadas e a previsión é que poidan quedar rematadas no vindeiro mes de abril. O Concello destinou máis de 800.000 euros para poñer en marcha este novo centro interxeracional, poñendo fin a unha débeda coa veciñanza da zona, xa que o inmoble, que comezou a construírse no ano 2010, sufriu un parón ao verse inmerso nun proceso xudicial por incumprimento do contratista. No ano 2014, o Pleno da Corporación acordou que este centro levase o nome de Paco Martín.

Neste tempo, ademais, realizararonse cambios no proxecto para adaptalo aos novos usos do edificio, que naceu co fin de acoller só unha biblioteca, pero que o Goberno local decidiu ampliar para dar resposta ás novas necesidades do barrio. Asi mesmo, tamén necesitou de modificacións para adaptalo as novas aliñacións marcadas polo PXOM.

Deste xeito, a nova infraestrutura contará espacios de usos múltiples, zona infantil, bebeteca, salas de lectura e área de despachos.

Paco Martín, a súa obra

Francisco Martín Iglesias, coñecido como Paco Martín, naceu en Lugo, en 1940. Foi profesor de primaria ata a súa xubilación, no 2000. En 1971 publicou a súa primeira obra, a partir dunha escolma de pequenas pezas narrativas que levou por título Muxicas no espello. En 1975 presenta a súa primeira novela No cadeixo, finalista do Premio Galaxia de novela convocado en 1975 co gallo do 25 aniversario da editorial.

En 1981 publicou a novela E agora cun ceo de lama, pero sería en 1985 coa publicación do libro Das cousas de Ramón Lamote, cando acadaría maior recoñecemento. A obra foi traducida a varios idiomas e con ela acadou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, en 1986. O seguinte título do autor foi Lembranza nova de vellos mesteres (1988), ao que seguiron Servando I rei do mundo enteiro (1990) e Tres historias para ler á noite (1992). No 2006 publicou A bisneta lercha e, en 2008, unha secuela de Das cousas de Ramón Lamote, titulada Das novas cousas de Ramón Lamote.

Paco Martín tamén foi director do suplemento Axóuxere -Semanario  do  neno  galego, publicado no xornal La Región, de Ourense. Durante sete anos dirixiu o Departamento de Produción de Material Didáctico para o Ensino en Galego da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Foi membro do consello de redacción de A trabe de ouro e columnista nos xornais El Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lara-mendez-manten-unha-reunion-co-escritor-lucense-paco-martin-que-dara-nome-ao-novo-centro