Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lara Méndez habilitará 340 novas prazas de estacionamento gratuíto na contorna do HULA cun novo aparcadoiro

Lara Méndez habilitará 340 novas prazas de estacionamento gratuíto na contorna do HULA cun novo aparcadoiro

O Concello iniciou o proceso de licitación para acondicionar ao efecto 11.510 m² de terreo, situados ao carón do centro sanitario.

A rexedora lembrou a súa vontade de que tanto a nova dotación como a xa existente se convertan en equipamentos pavimentados e coa sinalización correspondente en canto o 5% do PXOM estea en vigor.

Segundo a alcaldesa, a medida trata de atender con celeridade as demandas da veciñanza que seguen atopando elevadas as tarifas do parking soterrado.

  • Tema
    • Infraestruturas,
    • Transporte,
    • Tráfico,
    • Urbanismo
Martes, 03 de xaneiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez habilitará 340 novas prazas de estacionamento gratuíto na contorna do HULA cun novo aparcadoiro

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, habilitará 340 novas de prazas de estacionamento gratuítas na contorna do Hula.

A rexedora local anunciaba hoxe que o Concello de Lugo abriu o proceso de licitación para contratar os traballos de creación dun novo estacionamento nas inmediacións do centro sanitario.

O recinto ocupará dúas parcelas que no seu conxunto suman 11.510 m² con capacidade para máis de 300 vehículos.

“Sempre baixo a premisa de maximizar o seu rendemento, dunha forma práctica e cómoda para as persoas usuarias, a intervención procurará, na medida do posible, alterar minimamente o perfil topográfico do terreo para axustarnos ás limitacións urbanísticas que continúan en vigor. Condicionantes que, por outra parte, non nos impediron atender con toda a celeridade posible as necesidades que nos comunica a cidadanía e que, neste caso, queren paliar o elevado custo que segue a ter o parking soterrado do Hospital e que obriga a profesionais sanitarios e pacientes a buscar alternativas na vía pública”, apuntou Lara Méndez.

A alcaldesa lucense referiu que a intervención tratará de manter ao máximo a configuración da superficie aínda que nalgunhas zonas, nas que aparecen promontorios ou foxas, procederase á súa nivelación para facilitar o uso. “En canto aos materiais de acabado, estes serán similares aos das zonas pavimentadas da contorna, como xabre ou áridos extraídos na escavación, para minimizar o impacto visual”, explicou.

As limitacións que impón a actual ordenación do chan, obrigan a fundamentar os traballos na execución de movementos de terras para explanar a plataforma, da que inicialmente será retirada unha parte importante da capa vexetal e das árbores que contén. Esta terra utilizarase para regularizar diferentes zonas da parcela, antes de preoceder á súa nivelación e darlle un acabado con 25 centímetros de saburra artificial.

En canto aos accesos á nova área de estacionamento, Méndez avanzou que “se procurará unha entrada ao recinto polo extremo Norte, a partir da vía asfaltada, colocando filas dobres de aparcamento en batería paralelas á rúa Doutor Ulises Romero, no caso do predio da dereita; mentres que no da esquerda optouse por distribuír as prazas de forma paralela ao camiño de acceso, conseguindo con esta organización 340 prazas de 5x2’50 metros”, indicou a rexedora ao tempo que apuntou, alén, que os labores de acondicionamento terán un prazo de execución de 4 meses e suporán un investimento municipal de 193.946 €.

A alcaldesa lembrou que, actualmente, nas inmediacións do centro sanitario hai xa máis de medio milleiro de aparcamentos de balde “logo de que repintásemos as marcas viarias que circundan o HULA, para gañar 150 espazos, aos que cómpre sumar as 363 prazas que se habilitaron no parking creado xusto diante das instalacións”.

“A nosa intención é, ademais, que cando se aprobe o 5% restante do PXOM, toda vez que a nova catalogación do solo– que actualmente é rústico, de especial protección – pase a clasificalos como zona de equipamentos, estes dous recintos se convertan dun xeito definitivo en estacionamentos pavimentados, perimetrados e coa sinalización correspondente, etc.”

Antes de rematar, a rexedora adiantou tamén que o Executivo local solicitará unha autorización para colocar cámaras de vixilancia tanto no actual aparcadoiro como no que se vai construír co obxectivo de incrementar a seguridade que actualmente desenvolven a Policía Local e o resto de Corpos con competencias en materia de orde pública.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre as 340 novas prazas de aparcamento no HULA | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lara-mendez-habilitara-340-novas-prazas-de-estacionamento-gratuito-na-contorna-do-hula-cun

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/030123_lara_mendez_-_340_novas_prazas_de_aparcamento_no_hula.mp3