Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lara Méndez destaca a importancia de aprobar mañá os orzamentos da recuperación de Lugo, “os máis sociais da historia da cidade”

Lara Méndez destaca a importancia de aprobar mañá os orzamentos da recuperación de Lugo, “os máis sociais da historia da cidade”

Trala súa validación no Pleno Extraordinario deste vernes, o goberno local disporá de 106’4 millóns de euros cos que impulsará a dinamización do municipio

Trátase do presuposto máis elevado dos últimos exercicios que destina máis de 31 millóns € ás políticas sociais e recolle un incremento do 40% no capítulo de investimentos

  • Tema
    • Alcaldía,
    • Axenda institucional,
    • Economía,
    • Orzamento
Xoves, 17 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez destaca a importancia de aprobar mañá os orzamentos da recuperación de Lugo, “os máis sociais da historia da cidade”

Mañá, venres 18 de decembro, a Corporación local celebrará un Pleno Extraordinario para debater e someter a votación o Orzamento Xeral de 2021.

A sesión, que comezará ás dez da mañá, poderá seguirse telematicamente a través da web municipal.

A alcaldesa de Lugo facía hoxe unha reflexión sobre a importancia de aprobar o presuposto, “a ferramenta imprescindible que nos permitirá executar os proxectos previstos e seguir ofrecendo á veciñanza un amplo abano de servizos públicos de calidade”, co fin de comezar a empregalos ao inicio do ano.

Lara Méndez lembrou que o Orzamento do próximo exercicio será o máis elevado dos últimos anos, alcanzando os 106’4 millóns de euros. “Un 6’5% máis que o actual e no que incrementamos un 40% o capítulo de investimentos”.

“A súa finalidade – sinalou – será a de contribuír a que o municipio saía reforzado da crise social e económica na que está derivando a pandemia para o que destinaremos máis do 29% dos mesmos, 31’2 millóns de euros, a políticas asistenciais”.

“A ampliación dos espazos peonís, a creación de novas urbanizacións, zonas verdes, parques infantís, áreas de esparexemento e deportivas, a mellora do patrimonio e da conectividade do municipio, da mobilidade e do alumeado público, tanto na cidade como no rural son algúns dos aspectos nos que terán incidencia estas contas que manteñen, como eixo transversal a perspectiva de xénero e a loita contra o cambio climático”, subliñou a rexedora.

Lara Méndez fixo fincapé nos esforzo inversor que fará o Concello nos vindeiros meses e que implican unha mobilización de recursos superior aos 49 millóns de euros, “destinados a impulsar a segunda gran transformación da cidade, a súa dinamización, a innovación e o emprendemento, cuestións todas de vital importancia para un crecemento económico sólido e continuado nos próximos anos”, concluíu.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o pleno de aprobación dos orzamentos | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lara-mendez-destaca-importancia-de-aprobar-mana-os-orzamentos-da-recuperacion-de-lugo-os-mais

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/171220_lara_mendez_-_pleno_aprobacion_orzamentos.mp3